Amazon podería lanzar unha versión avanzada de Alexa de pagamento
xoves, 23 de maio do 2024
A aposta polos asistentes a través de dispositivos como os altofalantes Amazon Echo está a ter un resultado moi desigual para a compañía de Jeff Bezos, pois mentres consegue unha grande penetración nos fogares non cumpre o seu obxectivo de promover as compras a través da voz e outros atallos, o que podería levar a un cambio de estratexia significativo.
Dende a CNBC aseguran que Alexa estaría a actualizarse para incorporar intelixencia artificial xenerativa, pretendendo que esta tecnoloxía teña un prezo de subscrición que sería independente de Amazon Prime. Esta información chegaría de fontes internas da compañía, que consideran que poderían chegar a cobrar 20 dólares/mes na liña do que fai OpenAI con ChatGPT Plus.
Amazon non fixo declaracións oficiais a este respecto, pero con independencia á estratexia que teñan de cara aos consumidores, resulta evidente que a compañía está a realizar grandes investimentos en recursos e talento no ámbito da IA, pois non podemos esquecer que a compañía é un dos principais provedores de servizos na nube, nos que a IA está a xogar un rol moi importante nos últimos meses, e seguirá a ser así para moitos usos nos que resultaría inviable que a intelixencia artificial poida correr en local, sendo os servizos en liña cruciais para sustentar esta tecnoloxía.