Ames será a finais de marzo a capital da robótica educativa

luns, 25 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Intelixencia Artificial afiánzase na nosa educación e sitúase entre os grandes intereses da comunidade escolar. Boa parte da culpa téñena iniciativas como as do Grupo de Investigación de Materiais Didácticos CAVILA, pertencente ao Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG). Segundo nos veñen de contar os seus integrantes, o grupo e o Concello de Ames están a organizar un nova edición, a décima, do seu Seminario Obradoiro de Materiais Didácticos, centrado este ano de Robótica Educativa. A cita, engaden, é un conxunto de accións divulgativas e formativas de referente internacional. Desenvolverase os días 29 e 30 de marzo baixo o epígrafe Que facer cos robots nas escolas e nos fogares?
O seminario ten a súa orixe nunha necesidade máis que constatada: a necesidade de formar ás nosas novas xeracións en metodoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), acompañado (este labor formativo) dun tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos. Segundo informan dende CAVILA e NEG, a actividade “nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria”. Entre os obxectivos deste encontro cómpre salientar os seguintes: coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para a utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar.
O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina (Ames, A Coruña) no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. Posteriormente levarase a cabo unha presentación da Aula Nova – CAFI. A xeira de traballo rematará cun encontro lúdico-cultural no que se celebrarán os 10 anos do seminario.
O día 30 o encontro será na Casa de Cultura local iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Máis tarde desenvolveranse varios obradoiros simultáneos nos que as persoas asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos.
Como dixemos, o seminario está organizado polo grupo CAVILA (Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega) e o Concello de Ames, en colaboración co Grupo de Investigación Stellae (USC) e a spin-off compostelá DIMElab, entre outras entidades. A inscrición na xuntanza ficará aberta até o día 15 de marzo. A entrada é de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público. Quen desexe ir formalizando a inscrición, pode facelo a través do documento específico habilitado.

PUBLICIDADE