Android xa é o sistema operativo máis empregado para acceder á web

martes, 4 de abril do 2017 Marcus Fernández

A consultora independente especializada en analíticas web, StatCounter, confirma unha tendencia imparable do uso do móbil como dispositivo para o acceso á Rede, destacando o feito de que as súas estatísticas de uso recollen que dos sistemas operativos empregados para acceder a web durante o mes de marzo Android cun 37,93% superaría finalmente a Windows (37,91%), o que o director xeral da compañía define como «un fito na historia da tecnoloxía e a fin dunha era». Asegura que «marca a fin do liderado mundial de Microsoft nos sistemas operativos, que ostenta dende os anos 80» salientando o feito de que hai 5 anos o uso de Internet dende dispositivos con Android era de só o 2,4%, polo que o seu crecemento foi meteórico.
Estas estatísticas confirmarían que agora os móbiles e tabletas son os principais dispositivos para acceder á Rede, de xeito que os ordenadores persoais van pasando a un segundo nivel e tamén confirmaríase que, pese a percepción que poden ter nalgúns mercados, o dominio de Android tamén é indiscutible, xa que iOS só conseguiría acaparar o 13,09% dos dispositivos que navegan pola web (quedando Apple tamén cun reducido 5,17% no caso dos seus equipos informáticos con macOS).
Cómpre detallar que o dominio de Android é consecuencia directa dos mercados emerxentes, onde a porta á Rede son os móbiles, e a presenza de equipos informáticos nunca foi moi elevada. Así, en Asia vemos como a cota de dispositivos con Android sería uns esaxerados 52,15% fronte ao 29,23% dos equipos con Windows e o número de dispositivos móbiles conectados estarían moi preto de dobrar ao de equipos informáticos.
Se miramos o caso español, a cota de Android estaría no 32,81%, de xeito que os ordenadores con Windows aínda están moi por diante (43,7%), mentres que iOS (11,79%) quedaría nun valor incluso por debaixo da media global e contrastando co 19,97% que consegue nos EE.UU. ou o 21,53% do Xapón, confirmando unha vez máis a reducida presenza de Apple no nos territorio.

PUBLICIDADE