Arranca a edición 2012 de Xuventude Galicia Net
venres, 4 de maio do 2012
Este
venres pola mañá comeza
a nova edición de Xuventude
Galicia Net. De feito, mentres se escribía este texto, xa estaban a chegar
coa mañanciña os primeiros participantes co obxectivo de confirmar na mesa de
recepción a súa asistencia. Segundo fai saber a organización do evento, a
Dirección Xeral de Xuventude, estamos ante unha convocatoria especialmente
orientada ao eido laboral, á formación e á divulgación das canles e recursos
que a mocidade ten ao seu alcance para afianzar contacto coas empresas. A party ficará coas portas abertas, dispoñíbel
ao cen por cen esteamos inscritos oficialmente ou non, até o domingo na recta
final do serán.
Esta
edición, a décimo terceira, contará con persoas con grande experiencia no mundo
empresarial como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor
Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón. Para os pais e nais, informa a
Dirección Xeral, “tamén están previstas
actividades co obxectivo de facer accesibles certos contidos e tecnoloxías que,
a primeira vista, so parecen influír aos máis mozos”
Os
exteriores do Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e o hall de entrada acollerán as actividades
da extranet, abertas a todos os
públicos. Como dixemos, nesta convocatoria farase fincapé na formación, a
creación de empresas, as oportunidades de traballo baseadas nas novas
tecnoloxías e a procura activa de emprego para a xuventude que se dea cita no
evento. Contarase para isto con persoas con grande experiencia no mundo
empresarial: altos directivos e empresarios que poidan cubrir as necesidades
que a xuventude galega demanda á hora de iniciar o emprendemento empresarial.
Para
mellorar a formación e a preparación en materia de novas tecnoloxías, e
totalmente de balde para quen se achegue, deseñouse unha grella de relatorios
onde se contará con expertos reputados nas súas áreas como o profesor da IE
Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media
Rubén Bastón.
“A situación económica mundial faise presente
nesta edición dun xeito innovador: prestando especial atención ao emprendedurismo
como saída laboral; para iso, contarase con especialistas na materia como
Javier Megías e directivos de empresas, así como se celebrarán obradoiros sobre
as últimas novidades do sector como a reciclaxe de aparatos eléctricos ou
neuromarketing”, engaden dende a Dirección Xeral de Xuventude.
Nesta
edición de XGN estará presente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica cun stand e un relatorio no que varios
relatores relacionados co software libre exporán as oportunidades laborais que
hai detrás do mesmo, así como proxectos das súas empresas relacionados co
software libre.
Para
os máis habilidosos, tamén haberá actividades nesta XGN. Complementando a
oferta formativa, a edición 2012 da XGN prevé multitude de actividades e
obradoiros de carácter práctico.