Arrinca este sábado en Área Central a décima edición da Maker Faire Galicia
xoves, 27 de xuño do 2024
A feira compostelá de tecnoloxías abertas e creativas Maker Faire Galicia, vai comezar esta última semana de xuño a súa décima edición, a edición 2024, e faino estreando un formato innovador: un formato extenso de actividades repartidas durante meses e con tres xornadas independentes dedicadas a tres temáticas fundamentais: emprendemento e innovación social, oficios e artesanía e industria. A primeira cita da Maker Faire será o este sábado 29 de xuño en Área Central.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou os días pasados a X edición da Maker Faire Galicia nunha rolda de prensa na que tamén participaron o coorganizador do evento, Marcos Saavedra; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández: a directora do IGAPE, Covadonga Toca; e a xerente de Área Central, Sara Castedo.
A tenente de alcaldesa lembrou que "o Concello de Santiago mantén unha estreita colaboración co mundo maker, que estamos a reforzar con iniciativas innovadoras que nos permitirán visibilizar o talento e a creatividade que temos en Santiago”.
María Rozas tamén puxo en valor que a primeira xornada da Maker Faire se celebre en Área Central, "un espazo que reivindicamos como comercio de proximidade, lonxe dos formatos de centros comerciais, e que iniciativas coma esta axudan a revitalizar".
Como dixemos, a primeira das xornadas a Maker Faire celebrarse en Área Central o 29 de xuño, centrada na innovación social e o emprendemento, con charlas, obradoiros e presentacións de máis de 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social. O evento arrancará ás 10 da mañá, e ao longo de toda a xornada sucederanse charlas de diferentes persoas referentes e presentacións de proxectos impulsados tanto desde o sector público como do privado. A xornada finalizará cunha entrega de premios e o concerto de Mary Iglesias.
A concellaría de Promoción Económica participa na xornada do día 29 impulsando unha serie de actividades paralelas, como obradoiros de tatuaxe, stencil, cúpulas xeodésicas, origami matemático ou pintura de pezas 3D. Tamén haberá un scape room, monólogos científicos e mesmo espectáculos de maxia vinculados á tecnoloxía.
Todas as actividades da xornada da Maker Faire, serán de balde. Ademais, haberá servizo de ludoteca para as crianzas.
Próximas xornadas
Despois da xornada do 29 de xuño, a Maker Faire volverá cunha xornada dedicada aos oficios, o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción, coa participación de Artesanía de Galicia.
O 13 de decembro, e coa colaboración do IGAPE, celebrarase unha xornada dedicada á innovación no ámbito da industria, que se desenvolverá no Biopolo Sionlla.