As 100 marcas de meirande pegada en España suspenden en imaxe 2.0

xoves, 28 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Fálase moito ultimamente do importante que é ter un boa pegada nas redes sociais dende o punto de vista empresarial, que é o mesmo que dicir que é importante que falen ben de ti se de verdade queres que o teu negocio medre. Isto que cae de caixón e que xa están a asumir un bo número de empresas innovadoras semella tan afastado para as grandes compañías, tan ríxidas elas nos seus dividendos e na súa tradición, coma unha clase intensiva de chinés partindo dende cero. Só así se explica que as 100 marcas máis anunciadas en España teñan unha puntuación baixa nas redes sociais e na Internet, tal e como sinala un estudo feito pola axencia NCA e o IE Business School e que reflicte en detalle a web de Europa Press.
Segundo se apunta no informe, nas ferramentas 2.0 practicamente póñense podres aos produtos e servizos de maior promoción no Estado, cousa que non debería ter nada de malo tendo en conta que para pintarse ben xa están as firmas responsables dos mesmos, e que se explicaría por varias razóns: polo pouco interese que existe aínda por apostar pola Rede participativa dende os máis altos chanzos empresariais, pola limitada marxe de manobra das grandes corporacións e, tamén, polo espírito crítico inherente ás propias comunidades novas de internautas, en ocasións unha rede de miúdas e eficaces oficinas do consumidor.
Segundo engaden os responsables do informe, o posicionamento real das 100 marcas apenas vai alén dun índice xeral de 4,6, puntuación que poría de relevo “carencias na operativa de marcas”. Como conclusión, amósase que fica moito camiño por percorrer para acadar “un desenvolvemento aceptable no mundo dixital, xa que non se dubida que é o escenario natural da actividade de negocios”. Os sectores tocados foron do máis variado: alimentación, beleza e hixiene, banca, seguros, bebidas, enerxía, moda, motor, telecomunicacións e turismo, viaxes, distribución, electrónica e motor. Os que máis salientan, positivamente, son os eidos das bebidas, a banca, os seguros e máis a distribución. Logo veñen o turismo e as viaxes. No chanzo máis baixo da táboa están a beleza, a hixiene, a enerxía, a moda e a limpeza.

PUBLICIDADE