As Cámaras presentan unha plataforma para axudarnos na busca de financiamento
venres, 26 de xuño do 2015
- Participantes na presentación celebrada na sede da entidade coruñesa
A Cámara da Coruña
presentou os días pasados na súa sede unha
iniciativa en liña destinada a facer máis doado o camiño cara ao
crédito para PEME, autónomos e emprendedores. Falamos da
plataforma dixital aprendeafinanciarte.com,
unha iniciativa-programa de balde impulsada polas nosas Cámaras e
que integra, no seu seo, a oferta de financiamento público e
privado, amais dun acubillo para as novas metodoloxías de crédito
en fase de asentamento (crowdfunding, crowdlending,
micromecenado en liña en calquera das súas manifestacións).
O portal deuse a coñecer
nun foro sobre novos xeitos de impulsar economicamente as nosas PEME,
da man do presidente da Cámara da Coruña, Marcelo Castro-Rial
Schuler, e Mar Pérez, directora Departamento Económico e Financeiro
da Cámara de Comercio de España.
A web parte do seguinte
obxectivo compartido das Cámaras: “Poñer ao alcance de
empresarios e emprendedores instrumentos que permitan mellorar a
cultura financeira, facilitando información e ferramentas para
analizar os estados económico-financeiros e os niveis de risco
crediticio das empresas”.
O coordinador da web,
Francisco Estevan, fixo saber que se trata dun programa de balde
creado polas Cámaras galegas e co-financiado pola UE a través do
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Entre outras
cousas, fornece aos seus usuarios (nun único acubillo) de
asesoramento e información detallada das opcións dispoñíbeis e
máis acaidas de financiamento. Igualmente, achega ferramentas de
diagnose para coñecer a nosa situación financeira, o risco bancario
ou para mellorar a nosa posición negociadora cos bancos.
Por certo que Galicia é
a segunda Comunidade que se une a este programa, trala experiencia de
Andalucía, cuxo programa conta xa con 17.000 usuarios.
Por certo que
Aprendeafinanciarte.com será presentada novamente o vindeiro luns 29
pola Cámara de Comercio de Santiago, da man de Jesús Asorey,
presidente da entidade compostelá, e Miriam Vicente, membro do
Departamento Económico-Financeiro de Cámara de España. Tamén
intervirá Francisco Jesús Ferreiro, doutor en Economía e profesor
da Fundación E.U. de Relacións Laborais da Universidade da Coruña
(UDC). A cita desenvolverase entre as 9.00 e as 13.30 horas na sede
da Cámara (rúa San Pedro de Mezonzo 44).