As Xornadas Libres do GPUL celebraranse do 8 ao 10 de outubro

mércores, 10 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux segue adiante, levando o máis lonxe posible a seguinte mensaxe: con software libre si se pode. E que é o que se pode facer con software libre? Pois literalmente todo o que decote podemos facer con programas pechados pero dende a independencia, a liberdade e o aforro de custes que pon en xogo a filosofía da programación aberta. Esta mensaxe será unha vez máis a columna vertebral das súas Xornadas Libres, que xa van pola súa edición número trece e que este ano celébranse do 8 ao 10 de outubro.
As sesións, centradas como dixemos no mundo da cultura libre e enfocándose sobre todo nos eidos do software e o hardware aberto, levaranse a cabo na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O programa incluirá charlas, relatorios e obradoiros, como de costume, afondando nas vantaxes e potenciais de diversas tecnoloxías libres. Por certo que co fin de contar cun programa o máis amplo e diverso posible, o Grupo xa abriu o prazo para a achega de contribucións. Unha vez máis, aceptaranse propostas en galego-portugués, castelán, inglés ou francés, e para resolver dúbidas sobre o proceso está habilitada xa a conta info@gpul.org e máis a conta Twitter@_gpul.