As Xornadas de Software Ceibe na USC darán a coñecer novos proxectos galegos de código aberto

xoves, 6 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Un paso máis e cara a adiante na liña de promover as ferramentas informáticas abertas na nosa terra e, asemade, de ligalas ó galego (de aí o seu nome, no que se substitúe o termo “libre” polo probablemente máis axeitado “ceibe”). Se cadra esta é un boa maneira de presentar as Xornadas de Software Ceibe na Universidade de Santiago 2007 que organizan GLUG e máis AUSLUC e que se van desenvolver do 20 ó 21 de setembro no Departamento de Electrónica da Facultade de Física (edificio Monte da Condesa).
O programa de relatorios, mesas redondas e obradoiros semella interesante abondo, e está a contar no seu deseño coa participación de outros colectivos vinculados ós programas abertos como por exemplo AGNIX ou GULO. Polo momento, sabemos que, entre outras moitas cousas, Rubén Rodríguez presentará o Proxecto Trisquel, e que Pedro Silva fará o propio con Belenus, a plataforma para un computador sostible, ceibe e sen fíos.
O abano de temáticas a tratar é amplo, pero se cadra podemos citar os seguintes como “fundamentais”:
· Servizos de redes: servidor de correo, DNS, Web, compartimento de ficheiros, autenticación,...
· Balanceo de carga en redes
· Seguridade en redes: securitización dun servidor ou servizos, IPTables, VLANs, seguridade en redes sen fíos,...
· Tecnoloxías de redes: redes WiFi, WiMax, UMTS/HSDPA,...
· Instalación e configuración de Clusters.
· Ferramentas de virtualización: Xen, QEMU,...
· FreeBSD entre outros.