As andainas virtuais polas parroquias de Vedra xuntaron preto de 20.000 visualizacións
mércores, 29 de decembro do 2021
- O campo da festa de Sarandón
O
Concello de Vedra fixo balance da actividade xerada polo programa
V12. De parroquia en parroquia, unha
iniciativa para achegar novas alternativas de lecer ante as
restricións ao movemento derivadas da pandemia. O programa, cuxo
miolo orixinal foron as andainas organizadas polas parroquias para
permitir á veciñanza que coñecese a fondo os tesouros do seu
concello, tivo que ser adaptado á realidade da pandemia coa axuda
das novas ferramentas dixitais. En
conclusión organizáronse andainas virtuais a través da canle
municipal en Youtube, con pequenos vídeos que explicaban
o patrimonio das 12 parroquias de Vedra e co fin de permitir que as
persoas interesadas fixeran os percorridos pola súa conta, “sen
medo aos contaxios”.
O
Concello explica que “os vídeos foron formulados dunha maneira
informal, coa técnica en turismo do Concello, móbil en man ao máis
estilo youtuber, percorrendo e explicando os recursos
patrimoniais e turísticos do concello, coma se ela mesma fora
paseando co grupo”.
Os
audiovisuais fóronse publicando cada venres nas redes sociais do
Concello e cada mes fóronse adicando a unha parroquia. Ademais, as
rutas foron temáticas tratando en cada un dos diferentes territorios
de Vedra unha cuestión diferente, vinculada á historia, a arte, as
tradicións ou as asociacións, etc. Por exemplo, en Santa Cruz a
visita centrouse na camelia e na música, pola importancia que ten
está planta no Pazo de Ortigueira, e pola tradición musical que hai
mesta parroquia grazas a Banda de Música. Porén, en moitos vídeos
participaron os veciños, así en Sarandón falouse de viño e pesca
e os protagonistas dos vídeos foron dous dos fundadores da Festa do
Viño, que falaron da primeira festa fai xa 40 anos. En San Mamede
foron os xogadores, actuais e históricos do Club, cos seus máis de
50 anos de historia, os que tomaron a palabra.
- A ponte de Ximonde
En
total, achegáronse finalmente 51 vídeos. En palabras do Concello,
“serviron para dar a coñecer o patrimonio e para poñelo en valor,
xa que moitas veces, é precisamente o que temos máis cerca o que
non coñecemos, e polo tanto non valoramos”.
Amais,
rexistráronse preto de 20.000 visualizacións e cada vídeo tivo de
media 350 visualizacións. Estas cifras foron moi destacadas polo
Concello, que se ben recoñece que son baixas se as comparamos coas
que moven os principais influencers e youtubers, salienta
ao mesmo a importancia dun proxecto que foi creado para a
veciñanza de Vedra, cuxas parroquias teñen unha media de 400
habitantes, polo que o impacto do programa V12 “só pode ser
cualificado de éxito”.