As bromas inundan a Rede co gallo do Primeiro de Abril
martes, 1 de abril do 2014
- ThinkGeek puxo a venda hoxe un capacitador de fluzo
Un ano
máis, ao chegar o Primeiro de Abril, moitos
son os bromistas que aproveitan a data para amosar o seu enxeño, non só con
bromas de mal gusto, senón tamén con invencións realmente curiosas que destacan
especialmente no sector tecnolóxico, como en tendas como ThinkGeek, que todos
os anos inclúe na súa portada numerosos obxectos absurdos á venda como unha máquina para facer medrar a
barba, un curso
informático para aprender a falar Klingon e, moi especialmente, un condensador de fluzo para o
automóbil (que non sería outra cousa que un cargador USB para o acendedor
con forma do sistema de alimentación do coche que viaxaba no tempo nas
películas de Regreso Al Futuro).
Vídeo promocional do capacitador de fluzo de ThinkGeek
- Renovación do Nokia 3310
A xente de Nokia tamén demostraría a súa xenialidade anunciando unha
revisión do seu clásico Nokia 3310 (que vendera máis de 125 millóns de
unidades), móbil ao que incorporarían o sistema operativo Windows Phone 8 e
unha cámara PureView de 41 Mpíxeles. Este terminal que incluiría as
especificacións técnicas máis avanzadas, destacaría por incluír catro xogos
precargados: Snake II, Pairs II, Space Impact e Bantumi,
así como un corversor de moedas e os tons de chamada orixinais que agradarían
aos máis nostálxicos. Pese a ser unha broma, non son poucos os internautas que
manifestaron que estarían interesados en adquirir un terminal así de fabricarse
realmente.
- O dedo robotizado é unha tolería que saíu das mentes dos traballadores de Google no Xapón
Dende Google non se conformaron con anunciar o
Desafío Pokémon, senón que tamén anunciaron un dedo robotizado para
poder manexar a distancia dispositivos con pantalla táctil e unha impresionante
actualización do sistema automático de mellora de fotografías de Google+, que engadiría
ás nosas imaxes a David Hasselhoff facendo de
espontáneo.
O dedo robotizado de Google en acción
- Ao subir as nosas fotografías a Google+ poderemos melloralas engadíndolles a David Hasselhoff marcándose un espontáneo
O servizo de Gmail tamén estaría a presumir de innovación, presentando
o Gmail Shelfie, que sería o SHareable sELFIE, unha solución que buscaría
atender á demanda dos usuario de colocar auto-fotos como temas de fondo de
Gmail, pero permitindo que os propios usuarios poidan compartir as súas imaxes cos
seus amigos para ambientar a aparencia do servizo de correo electrónico de
Google.
- Gmail Shelfie, a personalización do correo de Google marcando tendencia
Aínda que posiblemente as cousas máis absurdas que puidemos ver nas últimas
horas chegan dende o Xapón, onde chegaron a mudar a páxina web da revista de
comics Shonen Jump (onde publicaban as series orixinais de Son Goku, One Piece, Yu-Gi-Oh!, Naruto e
moitos outros mangas de éxito) para convertela na revista para mozas Jumpteen; presentaron un curioso
trebello, o Keboarm, que
permitían converter o noso antebrazo nun lector de manga; a propia SEGA amosa
uns lentes chamados MEGAne DRIVE,
con aparencia da clásica Mega Drive (megane
significa lentes en xaponés); e
incluso Yahoo! presentou un servizo de conectividade
Wi-Fi para buscas (eses precursores das mensaxes de texto que tiveran sona
entre os mozos a primeiros dos 90).
- A Shonen Jump disfrazouse hoxe de revista para rapazas
- O Keboarm permitirá empregar o antebrazo como lector de manga
- SEGA propón unhas absurdas MEGAne DRIVE
- Yahoo! anuncia un servizo Wi-Fi para buscas