As empresas de telefonía seguen a apostar por Linux a través da LiMo Foundation

xoves, 1 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Linux e o software libre en xeral son unha realidade para unha boa parte dos usuarios do mundo de novas ferramentas tecnolóxicas, mais tamén para as empresas que empregan o seu tempo en atopar xeitos de abaratar custos e/ou de facer as cousas máis rápido. Neste grupo de empresas, as de telefonía móbil están entre as que fan máis ruído, sobre todo a través do seu altafalante en exclusiva: A LiMo Foundation, que é unha entidade relativamente nova que se encarga de promover o emprego de Linux nos teléfonos móbiles como unha alternativa a MS Windows. Polo de agora, detrás desta fundación e, en contra do que chegamos a crer nun principio, non están desenvolvedores nin usuarios de software libre (aínda que a previsión é a de que collan o mando en breve), senón algunhas das grandes empresas fabricantes de terminais do mundo. O seu obxectivo, entre outros: sentar os alicerces duns estándares mínimos para que non xurda o descontrol e cada distribución ou sistema operativo para móbil só sirva para unha marca ou modelo de teléfono concreto.