As firmas de AGASOL compartirán co rural galego os seus recursos

xoves, 18 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA van organizar o vindeiro 16 de xuño, na Cidade da Cultura, a segunda edición da xornada colaboraTIC.gal, desta volta centrada en amosar ao rural galego todo o potencial das nosas tecnoloxías, empresas e profesionais open source. É dicir: todo o que pode facer o software libre, dende unha óptica galega, polo rendemento, a produtividade, a competitividade, a xestión, a distribución, a loxística e a comunicación das nosas firmas e entidades do eido rural.
En palabras de AGASOL, xa non é só que a nosa comunidade de profesionais e empresas open source teñan moito que achegar a sectores como o agrogandeiro ou a hostalería, entre outros moitos ámbitos produtivos non urbanos, é que o noso tecido galego de software libre ten tamén moitas posibilidades de saír fortalecido e enriquecido da experiencia. Trátase, basicamente, de xuntar forzas e de tirar proveito dun xeito de traballar que ten, tamén, fondas raizames no rural: traballar en mancomún.
“A xornada colaboraTIC.gal”, engade AGASOL, “será un espazo onde ver e escoitar pero tamén onde amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial”.
Para a ocasión “contarase cun interesante grupo de profesionais e empresas que amosarán as súas experiencias, tanto do que se ten feito como do que se pode facer”, explica a asociación galega, engadindo que a xornada terá dúas xeiras de traballo, unha de mañá, coa presentación de “iniciativas de interese relacionadas coa conexión do mundo rural e as tecnoloxías abertas”, presentacións levadas a cabo por responsábeis de experiencias concretas de proxectos open source para o rural; e outra de tarde, a sesión conecta, con xanelas directas aos xeitos de traballar de empresas e axentes do ámbito rural que apostan polo código aberto.
O obxectivo da xeira de tarde é animar a entidades ou empresas que non usan ferramentas libres, a empregalas e a apostar por elas (a través de exemplos concretos de entidades ou empresas que xa están familiarizadas cos ditos recursos). Con esta segunda sesión, a de tarde, “trátase de que aquelas descubran as tecnoloxías abertas a través de conexións en directo”, explica AGASOL.

PUBLICIDADE