As mensaxes das nosas conversas de WhatsApp poderanse borrar de xeito automático
xoves, 5 de novembro do 2020
Iniciamos
a semana dando conta da aparición
das mensaxes temporais nas páxinas de soporte de WhatsApp, anticipando unha
funcionalidade da aplicación de mensaxería que por
fin é oficial, presentándose como unha opción para diferenciar as conversas
cos nosos achegados (que podemos querer manter a longo prazo) co resto de
comunicacións que establezamos a través de WhatsApp (que non teñen por que manterse
a perpetuidade), de xeito que deixan na man do usuario a opción de facer que as
mensaxes dunha conversa desaparezan de xeito automático transcorridos 7 días,
facendo así que estas conversas poidan ser máis lixeiras e máis privadas.
Lembran que no caso dos grupos serán os administradores os que poderán definir
se unha conversa está composta por mensaxes temporais, prestación que confían
que chegue a todos os usuarios de WhatsApp ao longo do presente mes.
Dende WhatsApp decidiron fixar a duración das mensaxes en 7 días por entender
que así poden transmitir a sensación de que as conversas non son permanentes, á
vez que poden ser prácticas, de xeito que non se perderían antes de tempo datos
que aínda poderían resultar precisos como un enderezo, unha listaxe da compra
ou outra información que non fose para un uso inminente.