As parábolas QSD de Televés, recoñecidas sobre os seus competidores por unha prestixiosa publicación alemá
mércores, 19 de marzo do 2014
A galega
Televés recibiu esta semana un importante recoñecemento europeo ao
seu labor. A distinción vén da man de Satellit Emfang
Technik, medio xermano que outorgou á gama de parábolas QSD da
compañía de Santiago un total de 88 puntos sobre un máximo posíbel
de 100 dentro dunha comparativa internacional de produtos de
semellantes características e funcionalidades, “o que supón
asignarlle a cualificación de moi bo”, explican fontes da firma. Máis polo miúdo, a análise céntrase no
modelo QSD 75 e salienta como as súas principais virtudes “o
acabado, a facilidade de montaxe e a calidade da recepción de sinal
que proporciona”.
A reportaxe que publica a
revista, conta Televés, inclúe as conclusións da investigación
acerca doutras dúas parábolas de similares características e
procedentes de outros tantos fabricantes de prestixio internacional.
Ambos os produtos obteñen notas de 86 e 85 puntos, é dicir
cualificacións inferiores á que logra a QSD de Televés, a
triunfadora da comparativa.
Lembrar que QSD é a liña
premium na gama de parábolas de Televés. “Homologados polo
instituto TÜV”, explica Televés, “estes produtos caracterízanse
por un deseño avanzado que leva á súa máxima expresión a
precisión na recepción do sinal, así como pola súa gran
perdurabilidade”. Máis en detalle, son parábolas de aluminio con
soporte para a fixación do LNB en Zamak e cableado oculto. Contan
con parafusos de aceiro inoxidable e un soporte de fixación
igualmente de aceiro que se somete a un proceso de galvanizado en
quente para outorgarlle ao aparello unha gran resistencia á
corrosión. “Outra virtude da gama QSD”, engade Televés,
“constitúena as facilidades que ofrece aos profesionais á hora da
montaxe, que se realiza en catro sinxelos pasos”.