As tres universidades galegas xa contan con distribución GNU/Linux de seu: SO.xug
venres, 14 de decembro do 2012
A Oficina de Software Libre do consorcio interuniversitario galego CIXUG
publicou unha ferramenta aberta de gran potencial para o noso eido
educativo superior. De feito, tal
e como reflicte Mancomún, estamos ante a primeira distribución
de GNU/Linux adaptada para cubrir ás necesidades das universidades
do Sistema Universitario Galego: a USC (Santiago), a UVigo e a UDC (A
Coruña). O recurso en cuestión preséntase co nome de SO.xug.
Por certo que o traballo despregado pola OSL
do CIXUG segue o ronsel e máis a experiencia da
adaptación de Ubuntu ao eido da USC, levada a cabo pola Oficina
de Software Libre da Universidade compostelá. De feito, tira
proveito da infraestrutura, dos importantes froitos obtidos e do
modelo empregado para a Ubuntu-USC, co que se evita, entre outras
cousas, “ter que partir de cero”.
Máis polo miúdo, SO.xug baséase en Ubuntu 12.04 LTS e presenta
unha adaptación gráfica cunha escolma de paquetes base para as tres
universidades, como software xenérico (LibreOffice, Gimp, Firefox,
Thunderbird), software de xestión de aulas usado nas universidades e
software común empregado na formación en diferentes facultades e
centros. Conta ademais con sitio
web de seu, dende o que podemos ter acceso a todo o material que
se xera. A web inclúe, entre outras cousas, o seguinte:
· Imaxes iso de descarga para a instalación
· Repositorio propio para a instalación e actualización
· Publicación do código fonte xerado
· Documentación xerada para a creación da distribución
· Acceso aos scripts que a permiten xerar
No que se refire á imaxe, reflicten a OSL de Vigo e máis
Mancomun.org, a nova distribución contou cun deseño “completamente
novo que segue esteticamente a feitura visual do CIXUG
do que depende a OSL e que está formado polas tres universidades
galegas”. Por certo que os deseños realizados para a imaxe
serán publicados con licenza libre e en formato aberto nos vindeiros
días. Entre as importantes vantaxes que este novo recurso pon en
xogo atópase o feito de que os centros poderán achegar a cada
alumno unha suite completa das ferramentas informáticas que vai
precisar nos seus estudos. Ademais, engádese, ao persoal técnico do
centro tamén lle facilitará de maneira notábel as tarefas de
administración e control dos estudantes. A distribución será
instalada nas aulas das universidades en función da demanda dos
docente. Con todo, infórmase, “desde a OSL e en
colaboración coas tres universidades, deseñarase un plan de
implantación para que cada centro das tres universidades conte polo
menos cun aula con arrinque dual”. O
desenvolvemento desta nova ferramenta insírese no programa de acción
da OSL do CIXUG ao abeiro do seu acordo de colaboración asinado coa
Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e
Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan
de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través
da AMTEGA.