Asturias prepara unha plataforma de software libre para o seu propio ámbito e para todo o Estado

xoves, 17 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Logo da aposta (nesta orde) polo software libre de Estremadura (Linex), Andalucía (Guadalinex), a Comunidade Valenciana (co Lliurex, operando a nivel educativo) ou Castela A Mancha (co Molinux), operando en máis ou menos medida con cadansúa plataforma aberta, semella que Asturias tamén se anima cun proxecto semellante. A idea, segundo podemos ver en mancomun.org e Openideas, pasa por crear un gran programa de software libre propio (distinto do framework existente) no que poidan cooperar e obter beneficios todos os colectivos e axentes da comunidade.
Con todo, semella que o proxecto xorde literalmente de dentro para fóra, posto que os seus responsables (goberno e axentes de software libre do Principado) xa manifestaron o interese en compartir os resultados con outras comunidades autónomas e colectivos, seguindo o que chamaríamos a primeira máxima do software libre: compartir cos demais é tamén mellorar o teu produto.
No proxecto, que é ambicioso no senso de abrirse a todas administracións públicas, universidades, centros e grupos de investigacións, empresas e usuarios en xeral de todo o Estado español, conta xa co respaldo do goberno asturiano, os axentes sociais, os sindicatos UXT e CC OO e a Federación Asturiana de Empresarios.