Até 35 rapaces participaron nos obradoiros de Ames sobre electrónica e impresión 3D
mércores, 4 de xaneiro do 2017
A
Concellería
de Mocidade de Ames quixo rematar o ano con formación tecnolóxica
avanzada e con potencial para abrir vindeiras xanelas profesionais.
Foron, máis en detalle, dous obradoiros sobre novas tecnoloxías,
desenvolvidos o pasado mes de decembro, o primeiro sobre deseño e
impresión 3D e o segundo sobre electrónica. Leváronse a cabo nas
casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns e neles participaron
finalmente 35 mozas e mozos. Esta en palabras do Concello “gran
acollida” das actividades reflectiuse no feito de que ficase xente
á espera de conseguir unha praza. No obradoiro de deseño e
impresión 3D participaron 20 alumnos, e 15 no de electrónica.
Estas
actividades, que terán continuidade, forman parte dunha liña de
formación e divulgación da que por estas mesmas datas, en 2015,
abrollaron máis obradoiros de robótica, e este mesmo ano, a comezos
de decembro, xurdiu unha interesante mostra de proxectos maker
a cargo dunha ducia de entidades galegas (o
Roteiro Maker organizado polo Concello). Volvendo aos obradoiros
destes días, sinalar que se dirixiron a rapazas e rapaces de 12 anos
en adiante. O primeiro taller, o de deseño e impresión 3D,
encamiñouse a permitirlles coñecer os programas de modelado 3D e
dar forma aos seus primeiros proxectos neste eido. No segundo,
desenvolvido en Bertamiráns na Casa da Cultura, os alumnos
traballaron con leds, timbres, pilas ou circuítos electrónicos cos
que puideron, entre outras cousas, facer luz a través de elementos
moi sinxelos.