Balidea, Nordesía e Situm queren revolucionar con tecnoloxía móbil o noso xeito de acudir a eventos culturais
mércores, 18 de xaneiro do 2017
O consorcio galego formado polas empresas Balidea,
Nordesía Produccións
e Situm Technologies presentou hoxe
en Santiago as liñas xerais dunha tecnoloxía que promete
revolucionar o ámbito das feiras e os eventos culturais e o noso
xeito de participar nelas, amplificando, mellorando e facendo máis
doada a nosa experiencia a través dunha aplicación concreta e dos
nosos teléfonos móbiles. Estamos a falar do proxecto TOURAL
(siglas para Tecnoloxías Orientadas á Ubicación, Realidade
Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais), cuxa
cerna e orixe está
na tecnoloxía de posicionamento e localización para interiores de
Situm e na colaboración con Balidea para integrala nos hospitais do
SERGAS. A idea, agora, é darlle unha viraxe a esta colaboración
Balidea-Situm co fin de impulsar a súa viabilidade en todo tipo de
acontecementos, dende feiras a congresos, pasando por concertos e
actividades culturais.
Este é o alicerce de TOURAL, un proxecto que
colle o seu nome da palabra que na nosa lingua designa ao
emprazamento onde se vende por tradición o gando: as xuntanzas que
son en boa medida a antesala de todos os nosos eventos
multitudinarios actuais. Aí, neste punto de sacar a tecnoloxía de
Situm dos hospitais e levala ás feiras é onde entra en xogo a
terceira pata da mesa de TOURAL: a produtora Nordesía. A cuarta pata
sería a firma tamén galega S-REC.
Entre os obxectivos do proxecto atópanse os
seguintes: fomentar a interacción cos asistentes dunha feira,
incrementar a promoción de produtor, permitir os pagos co móbil,
optimizar publicidade, achegar servizos de localización dentro e
fóra do emprazamento dunha xuntanza, fornecer cadros de mando dunha
xuntanza, permitir a localización de persoas ou cousas dentro dunha
feira, favorecer as citas entre profesionais, personalizar a nosa
axenda co fin de afinar puntería no que a relatorios e presentacións
se refire, posibilitar visitas aos stands mediante o uso de
tecnoloxías de realidade aumentada, etc.
Na presentación celebrada hoxe na sede de Balidea
en Santiago interviñeron Carlos Segade Domínguez, director de
Servizos BPO de Balidea; Raquel Toja Gómez, xefa de proxecto; Rocío
Castro, responsábel de comunicación de Nordesía; Vitor Álvarez,
director executivo de Situm Technologies; e Juan Martín, socio da start-up
S-REC. Todos eles salientaron como marca diferencial do proxecto “o
seu localizador de activos”, a través do cal a aplicación
identificará e recomendará de forma personalizada aqueles contactos
profesionais, expositores ou eventos do programa de interese para
cada usuario da ferramenta en función do seu sector de actividade,
ámbito de negocio e misión nese encontro.
Segundo fixeron saber, TOURAL xorde co mellor dos
agoiros e xa está prevista a súa integración en eventos concretos.
Como por exemplo en WOMEX (The World Music Expo), que celebrou a súa
última edición en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro, e
cuxos impulsores xa amosaron interese polo proxecto e puxeron de
manifesto a importancia deste tipo de ferramentas (de feito a feira
WOMEX serviu como toma de contacto con profesionais do sector
cultural e permitiu realizar un primeiro test sobre o enfoque da
plataforma con diferentes axentes internacionais).
O devandito consorcio galego estima “un elevado
impacto socio-económico do proxecto, grazas ao seu alto potencial
internacional, cunha xeración de 6 novos empregos durante o seu
desenvolvemento e ao redor de 22 trala súa implantación e posta en
marcha”. O orzamento global de TOURAL ascende a 670.000 € e está
cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da
Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a
través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre
as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema
rexional de innovación, que á súa vez conta con cofinanciación do
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER,
OT1 “Promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e unha
investigación de calidade”, P.O. FEDER GALICIA 2014-2020).