Balidea renova a súa alianza coa danesa Sitecore

mércores, 25 de outubro do 2017 Redacción

Oficinas da firma Balidea en Santiago de Compostela

Balidea, punteira empresa galega de servizos tecnolóxico-dixitais, vén de anunciar un novo fortalecemento da súa colaboración con Dinamarca, unha colaboración da que dimos conta este mesmo ano dende Código Cero, informando da súa “reelección” pola Axencia Danesa da Enerxía para encargarse das ferramentas de eficiencia enerxética desta entidade. Agora, a firma de Santiago complementa este e outros acordos escandinavos coa renovación da súa alianza con Sitecore, o prestixioso fabricante danés de software.
En virtude deste novo pacto, Balidea seguirá a ser socia tecnolóxica de Sitecore, dando continuidade a unha colaboración que se remonta a 2012 e que, en palabras de Balidea, “permítenos ofrecer á nosa clientela produtos de vangarda de Sitecore e os servizos de mantemento”.
Segundo lembra Balidea, Sitecore foi fundada en Copenhague en 2001 para dar resposta a unha demanda concreta de profesionais, PEME e empresas en xeral: a necesidade de crear e administrar sitios web dunha maneira máis eficaz. As súas solucións foron pioneiras no uso de tecnoloxía Microsoft.net. Hoxe é unha compañía global, líder en software de xestión de contidos web e software de xestión de experiencia de cliente, sistemas que recibiron unha manchea de premios.

PUBLICIDADE