Ballmer asegura que a Microsoft xa non lle interesa mercar Yahoo!

venres, 7 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O máximo responsable de Microsoft, Steve Ballmer, comentou hoxe mesmo que a súa compañía non está interesada en facer unha nova oferta por Yahoo!, empresa pola que xa fixera 2 ofertas de compra que chegaran ata o pago de 33 dólares por acción, pese a que neste momento as participacións na empresa están a apenas 13,85 dólares.
Dende Yahoo! veñen de ver cómo Google rachou o seu acordo publicitario con eles, de aí que non sorprenda que Jerry Yang estea a facer declaracións a favor da venda a Microsoft, cando hai uns meses era o principal detractor desta operación.
Ballmer insiste en que xa fixeron a súa oferta no momento axeitado, e que agora xa deixaron esa situación atrás, de xeito que igual poderían colaborar con Yahoo! na súa explotación publicitaria, pero non consideran interesante a venda do buscador (o que podería ser unha pose para presionar de cara a unha potencial negociación entre as dúas compañías).

PUBLICIDADE