Barrán presenta novos cursos e novo espazo de formación virtual

martes, 8 de abril do 2014 Redacción

O noso entrevistado, José Barrán, nas dependencias da empresa TIC que dirixeO Grupo Barrán vén de informarnos da organización de novas accións formativas arredor do software libre, o desenvolvemento web e o emprendemento. Estes cursos levaranse a cabo a través dunha iniciativa propia da empresa de Santiago, unha aula virtual xa aberta e dispoñible para todos aqueles que desexen abrir novas portas de coñecemento ou ben perfeccionar e ampliar a formación da que xa dispoñen. Dende este novo espazo virtual de ensino ofrécense xa actividades sobre tecnoloxías libres e a prezos competitivos. De feito, Barrán sinala que como promoción de apertura, achéganse de balde (totalmente gratis) un curso sobre Linux ou sobre desenvolvemento de aplicacións con Java a todos aqueles que se matriculen nalgún curso de pago.
As accións dispoñibles na aula aberta son as seguintes:
· Desenvolvemento de aplicacións para plataformas Android. Trátase dunha serie de sesións para aprendermos a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles co sistema operativo aberto impulsado por Google. Afondarase en cuestións como o deseño, as entradas, o ciclo de vida dunha ferramenta, a seguridade e o posicionamento ou o almacenamento dos datos. O prezo desta actividade formativa é de 60 euros.
· Principais aplicacións libres. Trátase dunha serie de sesións para aprender a empregar as principais ferramentas baseadas en software libre, como son LibreOffice (suite ofimática), Gimp (deseño gráfico), Blender (edición 3D) ou Thunderbird (correo electrónico). O custe é de 25 euros.
· SPSS Statistics. É un curso dedicado á aprendizaxe de software estatístico SPSS, empregado nas principais facultades como materia de estudio e en moitas empresas a nivel internacional. O prezo da actividade formativa é de 50 euros.
· Desenvolvemento de aplicacións con Java. Para aqueles seareiros da informática e profesionais que desexen aumentar os seus coñecementos nas novas tecnoloxías e máis polo miúdo na devandita linguaxe de programación, segundo indica Barrán, “a base para case tódalas aplicacións dispoñibles actualmente na Rede”. O curso é de balde.
· Desenvolvemento de aplicacións web. Introdución a diferentes linguaxes de desenvolvemento como HTML, PHP, JavaScript ou CSS para os estilos e a xestión de bases de datos SQL para a interacción co usuario. O prezo é de 100 euros.
· Iniciación a Linux. Curso gratuíto de introdución a sistemas operativos Linux, co fin de amosar en detalle as súas múltiples vantaxes e achegar métodos para desenvolvérmonos a nivel de usuario.
· Emprender na Rede. Acción formativa dirixida a todos aqueles que queiran montar o seu propio negocio en Internet e obter beneficios nun período breve de tempo. O custe é de 20 euros.