Brenlla enumera ante empresarios de Lugo o que pode facer por eles o software libre
xoves, 28 de maio do 2009
O software libre é máis antigo có propietario e, sen embargo, pasou moitos anos en segundo plano. Con todo, dun tempo a esta parte, semella que as cousas van mudando, en boa medida porque a situación económica non é a máis axeitada para apostar polo propietario (que a curto, medio ou longo prazo, sae máis caro) e, tamén, porque hai grandes casos concretos de aforro e desenvolvemento a través do software libre que son exemplos a seguir (como o da Administración brasileira, onde se aforraron 168 millóns de dólares nun só ano). De software libre, e de cómo as súas vantaxes tamén chegan ás empresas, dende a máis grande á máis pequena, falou hoxe en Lugo o galego Roberto Brenlla, un dos máximos valedores da programación aberta no noso paÃs. A cita veu da man da Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE), dentro do Proxecto EmprendeTIC 2009. O gran obxectivo do encontro, que xuntou a Brenlla con preto de 70 representantes de firmas lucenses, foi, precisamente, falar das Vantaxes dunha infraestrutura informática libre na empresa.
O convidado, que estivo acompañado na xuntanza polo coordinador da Fundación CEL (Rodolfo Ojea), cualificou a programación aberta de recurso puxante e imprescindible para mellorar o funcionamento dos negocios, e, tamén, para acadar a independencia tecnolóxica destas.
Co fin de botar luz abonda sobre o significado e evolución do software libre, Brenlla fixo un percorrido dende as súas orixes e fundamentos, afondando en aspectos da súa legalidade e facendo fincapé en cuestións como os beneficios que achega nos contornos empresariais: adoita ser máis económico, ofrece amplas opcións de adaptación ás necesidades da compañÃa, non require que se paguen licenzas polo seu uso (royalties) e conta co respaldo dunha comunidade informática, a de usuarios e deseñadores de software libre, que traballa arreo de xeito desinteresado para que o internauta conte coas ferramentas e aplicacións de meirande calidade. A efectos prácticos, Brenlla salientou casos de éxito como os das firmas Motorola, Audi, Google ou Pizza Móvil.
O relatorio tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre as 19:00 e as 21:00 horas e finalizou co sorteo entre os inscritos dun netbook cun sistema operativo Linux e coas aplicacións libres necesarias para a xestión dunha empresa. Asemade, os primeiros cincuenta matriculados nesta xornada recibiron unha memoria extraÃble co relatorio en formato dixital.
A próxima charla do Proxecto ETIC será Novas tecnoloxÃas e discapacidade e celebrarase o 25 de xuño. Máis información na web www.fundacioncel.org/site.
