Bricolabs celebra hoxe un obradoiro sobre a ferramenta de seguridade GPG
venres, 12 de xullo do 2019
Hoxe
a asociación Bricolabs celebra
un
obradoiro sobre GPG ao abeiro do programa de actividades de
OSHWDem 2019 e, máis en concreto,
do programa de sesións Entre Tuxes. O obradoiro deste venres,
que se desenvolve en horario de 18.30 a 20.00 horas e será impartido
por Rafa Couto, é unha actividade formativa aberta e para usuarios
de todos os niveis de coñecemento. A cita será no Espazo Maker de
Bricolabs, no Domus – Casa do Home da Coruña.
Para
quen non o saiba, GPG (GNU Privacy
Guard) é a ferramenta de seguridade de software libre que
emprega os algoritmos máis avanzados para cifrar e asinar
información a protexer. GPG marca diferenzas con respecto a outras
ferramentas porque o código fonte do seu programa, que é aberto, é
susceptíbel de ser mellorado ou adaptado ás necesidades concretas
dunha contorna. Ademais, en relación á seguridade dos nosos datos,
non existen intereses corporativos complexos de determinar nin, en
palabras dos seus impulsores, “portas abertas” que poidan
comprometer o axeitado nivel de protección.
No
obradoiro explicaranse os conceptos do cifrado asimétrico (de chave
dupla: pública e privada) e a autenticación descentralizada e
distribuída. Levaranse á práctica exemplos prácticos de xeración
e intercambio de chaves, cifrado, sinatura de mensaxes e mantemento
dos aneis públicos de confianza.