Brión mantén aberto ata o venres o prazo para inscribirse en tres cursos de informática
mércores, 29 de agosto do 2007
O Concello de Brión (que xa ten unha sobrada experiencia con isto das redes grazas á súa experiencia con Infobrion e con Granxafamiliar) está a organizar tres actividades formativas sobre informática para os meses de setembro e decembro. Neste intre, informan os organizadores, xa están inscritas unhas 20 persoas e o prazo de inscrición ficará aberto ata este venres 31 de agosto. Segundo sinala o Concello, dos tres cursos o máis solicitado está a ser o de Entorno Windows, que terá unha duración de 20 horas e que achegará ós participantes “coñecementos básicos sobre o manexo dun computador e, máis concretamente, do sistema operativo Windows”.
Polo tanto, engade a organización, esta actividade polo miúdo constitúe unha porta axeitada para persoas non familiarizadas coas novas tecnoloxías que queiran entrar a formar parte da Sociedade da Información.
Para cidadáns cun meirande coñecemento de informática o Concello organiza un curso de Microsoft Excel On-line, a través da plataforma formativa de www.briondixital.org (na imaxe). A oferta informático-formativa para finais de verán e outono complétase cun obradoiro sobre mecanografía no teclado do computador.
Os veciños/as de Brión que estén interesados/as en participar nalgún destes cursos teñen que dirixirse ao Centro Social Polivalente do Concello de Brión (situado na avenida de Santa Minia número 46), chamar ao teléfono 981 50 99 10 ou ben inscribirse directamente a través da web www.briondixital.com.
