Bus.gal estrea a solicitude de transporte baixo demanda

venres, 14 de decembro do 2018 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira; o director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ignacio Maestro, o director de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño; e do delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe as novas funcionalidades da aplicación e do portal de Transporte Público de Galicia, bus.gal, que dende hoxe permite aos usuarios do transporte público por estrada solicitar en liña, desde un ordenador ou desde o seu dispositivo móbil, servizos de transporte á demanda en calquera das localidades nas que está dispoñible.
Ademais, tanto no portal como na app, atoparán información actualizada dos servizos entre localidades das máis de 1.400 liñas de autobús que integran a oferta de transporte público por estrada.
Outra das novas funcionalidades da aplicación é o seguimento en tempo real das rutas dos autobuses, unha opción que está xa operativa para os usuarios das 273 liñas de autobús da área metropolitana de Coruña e que se estenderá ao resto dos viaxeiros a medida que as empresas concesionarias envíen a información ao Centro de Mobilidade de Galicia.
Os responsables da Xunta e de Abanca anunciaron, tamén, que o pagamento por móbil inicia a súa andaina na Coruña, nunha das liñas de transporte metropolitano desta área, onde durante dous meses se pilotará a solución desenvolta pola entidade bancaria.
Tras este período, a nova modalidade de pagamento estenderase progresivamente naqueles autobuses que teñan adaptadas as súas canceladoras.
Estas medidas forman parte da folla de ruta que establece o Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility, que están a desenvolver a Amtega e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para impulsar a dixitalización do sistema concesional de transporte que dá servizo a uns 20 millóns de viaxeiros anuais con máis de 1.000 autobuses, 1.419 liñas e 14.140 paradas

PUBLICIDADE