Búscanse homes malos. Razón: dontdatehimgirl.com

martes, 31 de outubro do 2006 Raquel Noya

“Non saias con el, nena”: non é o título dunha curtametraxe de escaso orzamento, nin unha parte da conversa entre dúas mozas nun bar calquera, nin é o título dunha novela de intriga, tampouco é unha ameaza; mais si unha advertencia. Coma se dun paquete de tabaco se tratase, dontdatehimgirl.com advírtelles ás mulleres que a visiten das consecuencias que poden chegar a sufrir de saíren con certos homes dos cales se achega completa información. As propias ex mozas e mulleres enganadas de xeito cruel (presuntamente) por eles son as autoras das feroces críticas que se relatan de cada un.
Dende “can traizoeiro” ata “idiota alcohólico”, pasando por “ruín”, “cruel” ou “esperpéntico”, son algúns dos cualificativos que se lles atribúen a estes individuos, ós que, ademais de poñerlles os datos persoais, lles engaden unha “bonita” foto ó carón, para que non haxa lugar a dúbidas e o recoñecemento da “especie” sexa instantáneo.
E se cadra cómpre non pensar que son dous ou tres individuos os que acó figuran; non. Ó parecer, non só as famosas sofren desenganos amorosos e malas experiencias das que falar nos medios. Con só 10 meses de vida, este portal recolle o perfil duns 18.000 homes acusados de “portarse mal” con elas... e tendo en conta que non cobran un peso (todo o contrario do que pasa neste país) por facelo público, o mérito é aínda maior se cabe. Á súa fundadora, Tasha Joseph, de 33 anos, ocorréuselle a idea falando cunhas amigas sobre malas experiencias cos seus antigos mozos e pensou que sería axeitado advertir ás femias do mundo da existencia de seres infieis e de dubidosa moralidade.
Mais o dito portal case chega ó límite entre o legal e o ilegal pois, loxicamente, algunha das informacións que se recollen violan o dereito á intimidade dos acusados, polo que xa foi demandado nos Estados Unidos. Os responsables da páxina web non verifican a veracidade do que se publica e as acusacións que se verten xeralmente fanse dende o anonimato. Iso si: os prexudicados poden refutar as imputación e expoñer a súa propia versión dos feitos, aínda que dentro do propio sitio esta parte non ten tanta visibilidade como teñen as versións das denunciantes.
A idea, aínda que como é de supor non tivo boa acollida entre os homes que alí figuran, foi un éxito multitudinario e xa son 720.000 os membros que poden participar en foros e chats en vivo. Segundo datos da fundadora, a web recibe entre 600.000 e un millón de visitantes ó día e é probable que se lance unha versión en español, polo que moi cedo as mulleres do Estado terán a oportunidade de pendurar todo tipo de trapos sucios das súas ex parellas e desafogarse contando as tristes experiencias que sufriron estando con elas. Mentres tanto, non quedará máis remedio que ler máis prensa do corazón, malia que as que alí figuran non sexan anónimas e cobren grandes cifras por sacar á luz os mesmos trapos que outras sacan de balde.

PUBLICIDADE