CENATIC aproveita o Movemento Avanza para dar a coñecer as vantaxes do software libre

venres, 27 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Movemento Avanza, a exposición tecnolóxica itinerante que organiza o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para fomentar a implantación e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por todo o país, vén de contar coa colaboración de CENATIC para difundir as oportunidades que xera o uso do software de código aberto á cidadanía, aproveitando que en Toledo se estaba a celebrar tamén o Día do Software Libre.
Carolina Grau, a directora xerente de CENATIC destacou, na inauguración deste evento, o labor de “asesoramento técnico e xurídico que está a desenvolver CENATIC de cara á liberación do software libre na administración pública, entidades e empresas”, e engadiu que o obxectivo de todo ese traballo “é reutilizar e compartir o coñecemento mailos recursos por parte das administracións públicas”.
Finalmente, Grau sinalou “a importancia de transferir e compartir o coñecemento xerado en torno ao software libre, así como a necesidade de sumar esforzos e colaborar entre tódolos axentes sociais e económicos para por en marcha proxectos e iniciativas relacionadas coas tecnoloxías abertas”.
Nunha mesa de traballo levada a cabo posteriormente, os asistentes presenciaron a mostra dunha serie de experiencias empresariais, tanto dende a perspectiva das empresas que prestan servizos no ámbito do software libre, como daquelas que o empregan logo dun proceso de migración.
Nesta actividade participaron activamente, Manuel Ruano de ISIT E-Learning, Carlos Antonio Llanos de ICTI Consulting, Iván Forcada de Caja Guadalajara e Pedro Manuel Baeza de ElectroZemper.