CITEXVI celebra o 9 de maio unha xornada sobre xestión de requirimentos no deseño de software
luns, 23 de abril do 2012
A Cidade Tecnolóxica de Vigo, CITEXVI, vai acoller o vindeiro 9 de maio un
evento formativo, de balde, sobre captura e xestión de requirimentos en
iniciativas de software e enxeñaría de sistemas, unha cuestión temática moi
ligada á xestión de proxectos no eido empresarial e que abre grandes
posibilidades de colaboración e de intercambio de coñecemento entre
universidades e tecido produtivo (transferencia tecnolóxica). No evento, que se
celebra na sede de CITEXVI no Campus de Vigo a partir das 10.00 da mañá,
participarán, en calidade de relatores, responsábeis de proxectos de compañías
de primeiro nivel no ámbito tecnolóxico, como Visure, Vector (Grupo Banco
Santander) ou Tecnocom.
Segundo nos conta o profesor Ignacio Armesto, un
dos responsábeis desta actividade, “tratarase
de abordar a problemática relacionada con unha das partes máis críticas en todo
proxecto: a toma de requirimentos (o que quere o cliente e as especificacións)”. A importancia desta
cuestión é fundamental, engade, e máis se temos en conta que un traballo pouco
axeitado nestas etapas temperás do proceso de enxeñaría de sistemas e
programación acaba por condenar os resultados finais do mesmo ao fracaso, “por moi bo que sexa o posterior traballo de
análise, desenvolvemento e aplicación”. Como dixemos, o evento será de
entrada libre, pedíndose só a confirmación da asistencia, por mor dun número de
prazas limitadas. Isto deberá facerse en vitae@vitaedigital.com.