COFER, IGAPE e GAIN mostran ás empresas de Ferrolterra como subirse ao carro da Industria 4.0

luns, 22 de febreiro do 2021 S. P.

COFER (Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal) organiza esta semana, en colaboración co IGAPE, a terceira edición da súa xornada sobre Tecnoloxías Facilitadoras da Industria 4.0.
Desenvolverase (co fin de garantir a seguridade sanitaria) en liña a través da ferramenta Zoom. Será este mércores 24 de febreiro ás 12.30 horas. A actividade contará coa presenza de Fernando Guldrís, director xeral do IGAPE, que será o encargado de abrir a xornada.
A continuación será a quenda de Pablo López, de Implicatum, que introducirá aos presentes nas principais características (e vantaxe) do contexto da Industria 4.0.
Un pouco máis tarde intervirán María Jesús Rodríguez e Regino Varela, técnicos do CIS Tecnoloxía e Deseño (Axencia Galega de Innovación) que achegarán un relatorio sobre tecnoloxías 4.0 na industria dixital, poñendo o foco en temáticas como a Realidade Virtual e Aumentada e o control dimensional.
A xornada proseguirá coa presentación das axudas transformadoras da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a cargo de Elena Polo, técnica da Área de Servizos de GAIN.
Rematará cun acto de clausura da man de Cristóbal Dobarro, presidente de COFER.

PUBLICIDADE