CaixaBank lanza unha pulseira Visa que posibilita mercar achegando o pulso a un pasa cartóns
venres, 4 de xullo do 2014
CaixaBank lanzou
esta semana un innovador aparello corporal para facilitar ao máximo
o proceso de mercar con tarxeta. Trátase, máis polo miúdo, da
pulseira Visa contactless, que permite facer compras con só
achegar o noso pulso ao pasa cartóns (datáfono) dun establecemento.
Esta tecnoloxía gadget, que unicamente poderá empregar nos
comercios adaptados a contactless (en
galego, sen contacto), é unha das grandes apostas da entidade
financeira para os vindeiros meses. De feito, prevé distribuír
durante o verán até 15.000 pulseiras deste tipo entre os
clientes con maior emprego da súa tarxeta contactless.
“Este lanzamento”,
informa a entidade, “convértese na maior experiencia de Europa no
uso dun dispositivo wearable como medio de pago con Visa”.
Durante o segundo semestre do ano, a pulseira estará dispoñíbel en
toda a rede de oficinas da entidade e os clientes poderán deseñar a
súa propia pulseira e contratala a través das canles habituais,
engade a banca.
A pulseira, explica
CaixaBank, está baseada na tecnoloxía de pago contactless:
leva no seu interior unha microetiqueta coa información encriptada
da tarxeta do cliente, “protexida coas mesmas garantías de
seguridade cás tarxetas habituais (o sistema EMV)”. Este chip
permite conectar a pulseira cos pasa cartóns e realizar transaccións
coma se fose unha tarxeta con tecnoloxía sen contacto normal. Toda
esta achega reúnese nun gadget de tamaño reducido, deseñado
con peche axustábel e materiais antialérxicos.