Caléndula gaña o IX Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

A AMTEGA e a Oficina de Software libre do CIXUG fallaron hoxe o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre que vai xa pola súa IX edición, recaendo o primeiro premio en José Ángel Piñeiro Souto, da USC, co proxecto Caléndula consistente nunha ferramenta para a xestión persoal da medicación e a mellora da adherencia, integrada na operativa das oficinas de farmacia a través da Folla de Medicación Activa e do Plan de Dispensación. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Oscar Blanco Nóvoa, da UDC, co proxecto Sistema domótico para xestión enerxética que permite aforrar custes a través dun algoritmo de planificación que fai uso dos datos de custe horario da enerxía publicados por REE, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA
A participación este ano foi novamente dun excelente nivel, recibíndose un total de 13 candidaturas, que foron avaliadas por un xurado composto por Daniel Iglesia Iglesias (UDC), José Varela Pet (USC), Alma Gómez Rodríguez (UVigo), José María Casanova (GPUL), Breogán Cinza Cabarcos (AMTEGA) e Mar Castro Pereiro (OSL da AMTEGA), centrándose principalmente na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto, para escoller os 4 finalistas que defenderon hoxe ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu fallo.
Os outros dous finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:
- Pablo Castro Valiño, da UDC, co proxecto VACmatch Mobile. Unha aplicación web e móbil para que os árbitros de competicións deportivas poidan cubrir as actas dos partidos directamente no seu teléfono móbil, actualizando os resultados en tempo real, funcionando fóra de liña se non hai cobertura e sincronizando coa web da federación.
- Marcos Horro Varela, da USC, co proxecto Simulación de SPM con gem5. gem5 é un framework open source para a exploración arquitectural de computadores. Neste proxecto creáronse extensións para a simulación de memorias scratchpad ou controladas por software no sistema.

PUBLICIDADE