Casa del Libro facilita a autopublicación de libros electrónicos

mércores, 29 de maio do 2013 Marcus Fernández

Dende Casa del Libro levan un tempo apostando polos formatos electrónicos, vendendo tanto e-books coma eReaders, e avanzando nestes servizos dan un paso a adiante e presentan Autopublicación Tagus, unha nova plataforma de autoedición de libros electrónicos que ofrécese de balde a autores que queiran difundir a súa obra en formato ePUB e PDF dende a tenda electrónica de casadellibro.com, que conta cuns 7,5 millóns de usuarios ao mes.
Este novo servizo permite que calquera usuario rexistrado en casadellibro.com poida vender o seu e-book dende tal espazo web, para o que só terían que subir a súa obra e a súa portada correspondente, o que resulta de balde se o autor dispón de ISBN (trámite que tamén pode facer Casa del Libro por 50 euros) aínda que para autores que queiran un acabado máis profesional poderán optar por varios lotes editoriais de pagamento, que van dende unha edición estándar por 300 euros (que fai realidade a publicación partindo dun simple documento de Word) ata unha edición profesional por 2.000 euros (que contaría con maquetación profesional, e corrección profesional e de estilo, na liña dos textos publicados con editoriais tradicionais).
Os autores que publiquen nesta nova plataforma de libros electrónicos recibirán o 70% do seu prezo de venda como beneficio, na liña doutras plataformas dixitais semellantes, pero coa vantaxe de realizar todos os trámites en España e dun xeito doado.

PUBLICIDADE