Cataluña senta os alicerces para unha aposta decidida polo software libre

xoves, 3 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Cataluña está arestora a procurar se o camiño do software libre é abondo firme no país para comezar unha implantación definitiva de programas de código aberto a todos os niveis nas súas administracións. Así nolo conta estes días mancomun.org facéndose eco de datos detallados pola Secretaría de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Generalitat. Máis polo miúdo, a STSI vén de presentar unha folla de ruta (aquí, en formato pdf) que, como o seu propio nome indica, vai encamiñada a desenvolver o papel de guía ou manual da boa aplicación da programación aberta (e propia) nun país, o catalán, que como todos os países ten unhas circunstancias propias que requiren respostas propias.
A idea resumida no devandito documento, presentado (na imaxe) na sétima edición das Xornadas de Software Libre da Universidade Pompeu Fabra que se están a celebrar arestora, é xa que logo a seguinte: localizar os pasos a seguir que terán que dar os departamentos da Generalitat para a aplicación e posta en marcha de programas de software libre.
As vantaxes do proceso, segundo indicou a Secretaría, son claras: permitirían un maior e mellor uso do software (incluíndo o reemprego do mesmo) e un aforro de orzamentos.
Detrás deste proxecto en concreto e, dalgunha maneira velando por el, atópanse as experiencias previas dunha serie de administracións autonómicas españolas pioneiras na aposta decidida pola aplicación do open source na (en maior ou menor medida) na vida pública. Exemplos disto son (nesta orde) as iniciativas a prol da programación aberta de Estremadura (Linex), Andalucía (Guadalinex), a Comunidade Valenciana (co Lliurex, operando a nivel educativo) ou Castela A Mancha (co Molinux), operando con cadansúa plataforma aberta (e semella que Asturias tamén se anima cun proxecto semellante).

PUBLICIDADE