Celestia: software libre para explorar o universo dende o computador
mércores, 27 de febreiro do 2008
Dicía Antoine de Saint Exupéry que a tendencia natural do home con arelas de superación é ollar cara a arriba, cara as estrelas, para logo (ó baixala) sentirse máis a gusto co mundo. A Rede semella facilitar cada vez máis este camiño tirándolle partido a algo tan antigo como poñer mans sobre outra mans para sacar algo adiante. Esta colaboración desinteresada entre uns e outros, que na Internet ten nomes específicos, “software libre”, é o que fai posible proxectos como Celestia, iniciativa posta en marcha en 2001 e da que dá conta estes días mancomun.org.
Trátase dun servizo que, entre outras moitas cousas, permítenos explorar o universo en tres dimensións.
O proxecto, activado por Chris Laurel, inclúe soporte para OpenGL baixo a licenza GPL, atopándose no dito enderezo de Celestia a máis recente versión estable e neste outro, a última achega en español.
Celestia fornece ós internautas de todo tipo de imaxes de gran calidade sobre planetas, satélites (por exemplo Xúpiter e Europa, na imaxe), galaxias ou constelacións. Tamén subministra datos concretos sobre a localización dos corpos celestes ou de calquera outra formación.
Con todo, a listaxe de funcionalidades da web é ben ampla e non se limita a subministrar de xeito doado viaxes estáticas cara os recantos do universo máis afastados da Terra. Entre outras moitas cousas, inclúe un catálogo que rexistra 120.000 estrelas (a sección Hipparcos), roteiros para os desprazamentos virtuais polo noso sistema solar e os seus arredores que achega a propia web ou -para os que apuntan absolutamente toda incidencia atmosférica na axenda-, ata un buscador de eclipses.
Na actualidade, conta coas versións para GNU/Linux, Windows e Mac OS X.
