Cen especialistas de todo o mundo buscan en Baiona novos xeitos de tirarlles proveito aos satélites

venres, 7 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

As xornadas sobre novos sistemas para mellorar e impulsar as comunicacións por satélite que se están a celebrar en Baiona están a cumprir as expectativas de situar á nosa terra como centro de operacións da colaboración europea neste eido. A Universidade de Vigo, entidade directamente implicada na organización dos encontros, a través de AtlanTIC e, como dixemos os días pasados, do centro Gradiant, que fixo fincapé na importancia da Advanced Satellite Systems Conference (así se fan chamar estes encontros) e no seu poder de convocatoria: reúne ata o remate deste venres a 100 expertos en comunicación por satélite de EE UU, Asia e máis Europa. Os temas a tratar son amplos e variados e van dende as cuestións relativas ao desenvolvemento tecnolóxico e social que poden achegar os devanditos aparellos orbitando arredor da Terra (seguridade marítima, cidades intelixentes, sistemas de vixilancia e emerxencia, comunicación móbil) ata a importancia de estreitar a colaboración entre investigadores para a posta en marcha de novas aplicacións máis eficaces, rendibles e baratas.
Máis polo miúdo, estamos a falar dun congreso de referencia europeo que reúne a expertos da Axencia Espacial Europea (ESA) con outros socios nas comunicacións avanzadas por satélite. O congreso conta co apoio da ESA e nel toman parte representantes de centros de investigación, universidades e empresas como Inmarsat ou Eutelsat.
O profesor Carlos Mosquera, coordinador e impulsor destes encontros, destaca que neste sector a Universidade de Vigo ten acadado xa un lugar de seu “grazas ao traballo de anos e ao esforzo de investigadores que, aínda que non coñecidos publicamente se teñen un nome dentro da comunidade científica”. Engade que deste tipo de xuntanzas sempre xorden sinerxías e novas colaboracións pero hoxe por hoxe, “Vigo xa está no mapa, o traballo que se ven desenvolvendo en colaboración coa Axencia Espacial Europea é unha boa mostra”. O profesor Mosquera incide en que “cando se fala de satélites a vista póusase en poucos lugares, e a Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo é xa un deles”. As xornadas, informa a Universidade de Vigo, divídense en sesións nas que as empresas e o tecido de I+D+i intercambian información sobre os últimos avances para a telefonía móbil, a banda larga ou a comunicación por satélite: dende a observación da terra e dos océanos ata a súa influencia na vida cotiá a través de sistemas de vixilancia ou emerxencia, comunicacións móbiles e moitas tecnoloxías que permiten camiñar cara as Smart Cities ou cidades intelixentes, respectuosas coa contorna e coas persoas. Outro dos eidos nos que se empregan os satélites son os sistemas de navegación para barcos. “Dado o interese destes relatorios para o Campus do Mar, a súa web retransmitirá en directo as intervencións relacionados con este tema que terán lugar mañá venres”, engaden fontes da institución educativa viguesa.