Chega a Europa o Samsung Galaxy S
xoves, 3 de xuño do 2010
O móbil Samsung Galaxy S, posiblemente o mellor terminal co sistema
operativo Android, chega
finalmente hoxe a Europa, e nos vindeiros meses conseguirá distribuírse a
través de máis dun cento de operadores móbiles de todo o mundo, aínda que os
norteamericanos deberán agardar bastante para que este atractivo móbil chegue
ao seu territorio.
O Samsung Galaxy S é un móbil con pantalla táctil Super AMOLED de 4 polgadas cunha
resolución de 800 x 480 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles (con gravación de vídeo a
720p) e outra VGA para videochamada, procesador a 1 GHz con aceleración
gráfica, Bluetooth, Wi-Fi N, USB, aGPS, 512 Mb de RAM, 16/8 Gb de memoria
interna (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), unha batería de
1.500 mAh, unhas medidas de 64,2 x 122,4 x 9,9 milímetros e un peso de 119
gramos.
Pero, aparte dun excelente hardware, este móbil tamén destaca por empregar a
interface de usuario TouchWiz 3.0, soportar a entrada de texto de xeito áxil
utilizando a tecnoloxía Swype, lectura e edición de documentos de Office 2007
mediante ThinkFree, tecnoloxía de realidade aumentada integrada e unha
excelente reprodución multimedia que incluso soporta vídeos en formatos WMV,
AVI, FLV e MKV.