Chega a nova versión de MiniNo Picaros Diego 2014

martes, 28 de outubro do 2014 Redacción

Esta semana soubemos finalmente da chegada da nova versión MiniNo Picaros Diego 2014, a adaptación para os máis cativos da casa da versión de MiniNo Ártabros, que se estreaba en setembro. A versión infantil de MiniNo lanzábase a comezos de setembro co gallo de facer máis doado o traballo dos educadores de Primaria, alén de axustar o programa para o seu uso no fogar e na aula. Lembrar que MiniNo é unha distribución GNU/Linux, baseada en Debian, que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos. Nada en 2008 contaba en xullo de 2014 con máis de 14.000 descargas, sendo case 6.000 correspondentes ao primeiro semestre de 2014.
E volvendo ao fío temático desta nova, dicir que a versión renovada de MiniNo Picaros Diego 2014 vén ateigada de novidades, como as que atinxen aos scripts (Menú -> Utilidades de Minino -> Aula de informática), que segundo sinala GALPon (asociación responsábel destes desenvolvementos) son moi doadas de empregar para que a tarefa de instalar PicarOS nunha aula de informática estea ao alcance de todos.
A maiores, o encerado dixital interactivo achega nova contorna de escritorio, o programa PintaScreen, un teclado virtual e un script que axuda a configurar da Wii para crear axiña un encerado dixital de baixo custe.
Polo que atinxe aos gráficos, engadiuse un convertedor de imaxes para transformar por lotes ficheiros png, jpeg, gif, svg ou pdf; e cambiouse o gpaint por Pinta, “máis completo e útil sen chegar á complexidade do Gimp”. Tamén se engadiu un programa para que os máis pequenos poidan facer transparente o fondo de ficheiros gráficos e poder usalos noutros programas como Scratch.
No apartado de son, engadiuse -a petición das mestras de inglés- o reprodutor Clementine, “moi útil para acadar as letras das cancións”. Incorporáronse novos programas como Protrekkr (para crear música electrónica) e Scoredate (para adestrar o oído e a lectura de partituras) e dentro do ámbitos dos vídeos, engadiuse un script que descarga calquera vídeo, listaxe de reprodución ou canle enteira de YouTube e outro para conseguir os subtítulos dos vídeos de Youtube.
En ofimática intégrase a versión actualizada de LibreOffice (a 4.3.1) e suprimiuse o Abiword. Tamén se renovou a ferramenta creativa Scratch á versión 2.0, engadíndose varios programas como a saga de xogos Lightbot e un iniciador que apunta cara a CodeStudio, “onde os máis cativos poden introducirse no mundo da programación sen necesidade de saber ler”, sinala GALPon.
Por último, dicir que os interesados en probar esta distribución (para as aulas, ou para as casas) poden descargar a distribución no portal de Minino través desta ligazón específica na versión personalizada para Ensino Primario (3-12 anos). Precísase, polo menos, un procesador P4-1500MHz (ou equivalente), 512 MB de RAM e 10 XB de disco. Versión híbrida DVDvivo/USBvivo.

PUBLICIDADE