Cinfo e Quobis exhibirán o potencial tecnolóxico galego no Pavillón de España da MWC Barcelona

venres, 20 de febreiro do 2026 S. P.

As firmas galegas Cinfo e Quobis amosarán o potencial tecnolóxico galego na MWC Barcelona. Ambas figuran entre as 49 pemes tecnolóxicas españolas seleccionadas por Red.es para participar no Pavillón de España no maior evento a nivel mundial de conectividade e tecnoloxía móbil, que se celebrará do 2 ao 5 de marzo na cidade condal, segundo lembrou este venres 20 de febreiro o Clúster TIC Galicia, do que forman parte as dúas empresas da nosa terra.
Nesta edición, o Pavillón de España reorganízase como un espazo dinámico onde as empresas expositoras dispoñen de stands personalizados, como Cinfo e Quobis, que estarán situadas no Hall 4 Stand 4C30, zonas de networking, salas de reunións e un completo programa de conferencias e actividades comerciais.
Cinfo, pola súa banda, levará ao Pavillón varias das súas tecnoloxías máis destacadas no ámbito audiovisual e de intelixencia artificial, entre as que se atopan tecnoloxías de produción automática avanzada (con casos de éxito como tiivii.tv, plataforma que xa emite contidos das principais ligas deportivas de Galicia e que se está expandindo a outras televisións autonómicas e operadores) ou o seu Sistema de VAR sincronizado con 9 cámaras (unha solución que permite aos árbitros facer zoom, avanzar e retroceder frame a frame, así como marcar as xogadas para revisar, xa en uso coa Federación de Patinaxe e presente en competicións como a Copa do Rey de hóckey patíns).
Quobis presentará no MWC Barcelona as súas Trusted communications, a estratexia multicapa coa que a compañía busca construír un ecosistema de comunicacións seguro e de confianza. Esta estratexia engloba os seus servizos de branded calling e loita contra a fraude telefónica, avaliación de risco de chamadas, auditorías de seguridade de redes de telecomunicacións, desenvolvemento de elementos de rede e clientes de UC de clase operador baseados en software libre.
“A presenza de Quobis e Cinfo no Pavillón de España reforza a visibilidade do ecosistema tecnolóxico galego, ademais de ofrecer unha excelente oportunidade para establecer posibles alianzas ou expandirse a novos mercados”, explica o Clúster TIC, engadindo que na pasada edición da MWC Barcelona, o conxunto de empresas expositoras estimou que a súa participación neste espazo permitiría xerar un volume de negocio de 26,5 millóns de euros.
No caso de Cinfo e Quobis, non é a primeira vez que resultan seleccionadas para formar parte do Pavillón de España, que só o ano pasado recibiu máis de 13.000 visitantes presenciais e máis de 5.000 virtuais. Acolleu, ademais, 70 actividades no set de conferencias, con relatores de diferentes sectores, mesas redondas e reunións de networking, así como 60 entrevistas no set de podcast do Pavillón.