Claudio F. Filho falará en Vigo da experiencia do Brasil en software libre

venres, 21 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Brasil é un referente mundial en materia de aposta polo software libre, tanto como oportunidade para xerar riqueza dende e para o propio país como no que se refire ó aforro de investimento (non require pago de licenzas) que representa. Para falar da experiencia do código aberto e máis concretamente do proxecto OpenOffice en Brasil, o presidente de BrOffice.org acudirá á Universidade de Vigo o vindeiro martes 25 de setembro. Tamén incidirá nos beneficios do emprego de estándares recoñecidos a nivel internacional por organizacións independentes e non por compañías privadas. O evento, que se desenvolverá na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo a partir das 16.30 horas, está organizado por GALPon e conta coa colaboración da propia Universidade de Vigo, a ETSE de Telecomunicacións e a asociación AGNIX.