Co gallo do Black Friday ofertaranse numerosos produtos de electrónica de consumo
luns, 24 de novembro do 2014
O
vindeiro 28 de novembro, día despois de Acción de Grazas, celébrase nos EE.UU.
o inicio da campaña de Nadal con grandes ofertas nunha data alcumada dende hai
anos como Black Friday ou venres
negro, que dende a desregulación dos períodos de rebaixas en España tamén se
celebra no noso país, especialmente en establecementos de electrónica de
consumo, converténdose nun día moi atinado para adiantar as compras de Nadal, e
que algunhas tendas como Amazon.es aproveitan para lanzar incluso ofertas
toda a semana e, de feito, a mesma compañía tamén anticipa que celebrará
ofertas especiais tamén o luns 1 de decembro (Cyber Monday) que é a data na que habitualmente se celebra un saldo
na Rede con prezos que poden chegar a ser máis agresivos que no Black Friday.
É de agardar que as ofertas que teñamos en España estean relativamente
moderadas, moi na liña doutras promocións que podemos ver ao longo do ano, pero
incluíndo a produtos que teñen prezos fixos coñecidos, polo que pode ser unha
boa oportunidade para mercar con algún desconto dispositivos aos que teñamos o
ollo botado ou incluso para facerse con modelos anteriores, estes si, a prezos
bastante atraentes.
Nos EE.UU. as promocións son realmente fortes, con compañías como Best Buy
ofrecendo nas tendas físicas televisores LED Panasonic Full HD a só 199,99
dólares e televisores Samsung de ultra alta definición por só 899,99 dólares
(prezos que claramente buscan achegar aos consumidores ás tendas para realizar
moitas outras compras); a consola Xbox One parece querer pórlle as cousas moi
complicadas á PlayStation 4 de Sony, e en vez de venderse a 399,99 dólares con
algún xogo, chega a reducir o seu prezo con Assassin’s
Creed Unity e Assassin’s Creed Black
Flag a só 329,99 dólares GameStop, mentres que en Walmart por 329 euros a
Xbox One inclúe o lote Halo: The Master
Chief Collection, o que podería contribuír seriamente a que a consola de
Microsoft recuperase posicións no mercado estadounidense. Na propia Walmart
tamén oferta televisores LED de 50 polgadas por 518 dólares, televisores LED
Vizio de 65 polgadas por 648 polgadas, o iPad mini de 16 Gb por 199 dólares,
ordenadores portátiles de HP con pantalla táctil de 15,6 polgadas por 249
dólares e moitos outros prezos moi rechamantes cun detalle moi significativo: a
garantía de que durante a primeira hora das rebaixas será posible mercar unha
unidade de cada produto ofertado (ou sexa, que de non quedar existencias poderá
realizarse a reserva polo prezo anunciado, asegurando a compañía que se
recibirán os produtos antes do Nadal). Para garantir a afluencia constante de
consumidores en Walmart teñen varias ofertas programadas a horas distintas,
estratexia que tamén seguirán moitas tendas en liña.