Comeza en Vigo unha xuntanza sobre novas tecnoloxías e colaboración internacional das universidades
luns, 5 de marzo do 2012
Este luns día 5 comeza en Vigo, no Edificio
Miralles do Campus até o día 9 de marzo, un encontro sobre internacionalización
que terá no estudo das redes sociais e das súas vantaxes para abrir mundos e
mercado un dos seus piares temáticos principais. O encontro, que foi inaugurado
ás 10.30 horas polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, vén da man
da Oficina de Relacións Internacionais no marco do Centro de Excelencia Europeo
Jean Monnet.
A
xuntanza Staff Training Week, así se chama, reúne a arredor de 50
especialistas en relacións internacionais co fin de abordar a relevancia das
novas tecnoloxías nos procesos de colaboración das universidades alén dos seus
contornos físicos e fronteiras naturais.
Acudirán profesionais dunha ducia de países:
Polonia, Francia, Italia, Eslovenia, Finlandia, Portugal, Romanía, Austria,
Alemaña, Noruega, Países Baixos, Turquía e Hungría. Cun programa organizado en
catro bloques fundamentais, a xornada primeira servirá entre outras cousas como
toma de contacto, incluíndo unha benvida do reitor, a intervención do
vicerreitor de Relacións Internacionais (Manuel Fernández Iglesias) e unha
presentación da Universidade, que se complementará cunha visita as instalacións
do campus.
O resto da semana dividirase xa por paneis temáticos. O martes o tema central
serán as redes sociais; o mércores, a televisión e os medios audiovisuais no
ámbito da educación e da promoción das universidades; o xoves, as estratexias
de comunicación nun mundo conectado e, xa o venres, as dobres titulacións.