ComputerWorld premia o impulso da Xunta de Galicia á sociedade da información e á e-Administración
martes, 1 de xuño do 2010
Un ano máis a revista ComputerWorld
concede á Xunta de Galicia o premio ao Proxecto Tecnolóxico do Ano no Sector
Púlbico, que recollerá en Marbella esta noite a secretaria xeral de
Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
Segundo explica a publicación «o galardón é un recoñecemento ao compromiso
desta institución coa modernización TIC, como mostra a creación da Secretaría
Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Un ente cuxo obxectivo é
impulsar e dar asesoramento técnico e apoio en materia de TIC e a súa aplicación
para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e apoiar e dar servizo de forma
centralizada ás diferentes consellerías, buscando a calidade, a racionalización
e a mellora do nivel de servizo na xestión das TIC».
Os Premios ComputerWorld, que se entregan esta
noite no marco da XVI Conferencia Anual da publicación, que nesta ocasión terá
lugar en Marbella (Málaga), teñen o obxectivo de premiar e destacar aqueles
proxectos que avogan polas tecnoloxías da información para mellorar o servizo
dos organismos públicos e privados, así como o labor dos máximos responsables
destes como artífices clave no aliñamento perfecto entre TI e negocio. Nesta
edición da Conferencia outorgaranse sete premios en diversas categorías.
Ademais da Xunta de Galicia, ComputerWorld recoñece
o labor de Caixa Galicia na categoría de Proxecto do Ano do Sector Privado; de
Francisco Gimeno de Gas Natural como CIO do Ano do Sector Privado; do Colexio
de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España CIO do Ano do Sector
Público; de Jesús Pérez Iridoy de El Corte Inglés co Premio á Traxectoria
Profesional dentro do Sector Privado; e Damián Oliva, interventor xeral da
Consellería de Economía da Junta de Comunidades de Castilla La Mancha co Premio
á Traxectoria Profesional dentro do Sector Público. Tamén farán entrega dun
premio especial.