Conclúe cun demo day o primeiro coworking multisede da Deputación de Pontevedra e a EOI

venres, 30 de xuño do 2023 S. P.

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu a clausura do coworking que promoveron desde abril ata xuño a institución provincial e mais a Escuela de Organización Industrial (EOI) en Vigo, Tui e Silleda. A sala Rosalía de Castro foi o escenario dun Demo Day no que as persoas emprendedoras participantes amosaron os seus proxectos empresariais, que se atopan en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación.
Ao longo de dous meses de traballo, unha vintena de participantes recibiu formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego. A formación realizouse a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondaron en conceptos como estratexia e ecosistema emprendedor, modelos de negocio, validación e monetización, deseño de equipos, finanzas e financiamento, crowdfunding, xestión empresarial e vendas e tamén habilidades de comunicación. O coworking tamén incluíu sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores, nas que se acompañou cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e se axudou a resolver as súas necesidades. Ao longo do programa, desenvolvéronse diferentes eventos nas tres sedes (Vigo, Tui e Silleda) co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras.
No primeiro coworking multisede da Deputación e a EOI participaron Víctor Gómez (coa empresa de take away Riquiñas. Filloas Gourmet), Montserrat Gálvez, de Redondela (guía turística freelance baixo o paraugas da súa marca Galicia á vista), Johely Barrios, de Baiona (coa revista La Sociocultural), Alfonso Caride, de Mos, e Gabriel Varela, do Porriño (cunha aplicación informática de fidelización de clientela para pemes na hostalaría chamada MyTribuBar), Eglis Cruz, de Silleda (cun proxecto para o mantemento e mellora da saúde física e mental, Rubigym Saúde e Benestar Vida Activa), Ana Urquijo, de Vigo (cun proxecto de coaching para persoas creadoras e creativas e tamén para persoas con TDAH, Ana Molly. Coaching para anomalías), Miguel Ángel Rodríguez, de Soutomaior (cun proxecto de Bosque Circular innovador que transforma in situ a biomasa residual forestal en produtos de alto valor económico), David Gil, de Vigo (cunha consultoría compliance para pemes, Prevencumplen Compliance consulting), ou Maximiliano Nicolás Piñeiro, Georgina Ghio e Mariano Doce, de Vigo (cun proxecto para solucionar problemas tecnolóxicos e de reparación en vilas galegas onde non existe este servizo, Baleia Consultores).
Tamén participaron Cecilia Portela, de Tui (propietaria do estudio de arquitectura Propostas Arquitectura), María Cristina Alves, de Tui (cunha empresa creativa de bordados a medida, Bordados Crisalpa), Modesto Martínez, de Marín (cun simulador de toma de decisións en pandemias ou crises sanitarias para o sector sanitario, Practicum Direct), María Jimena Varela Rodríguez, de Tomiño (cunha consultoría en plans e proxectos sobre paisaxismo, relacionados coa conservación da biodiversidade e a mitigación e adaptación ao cambio climático, Raizame Paisaxe e Territorio), Francisco Javier Argüelles Menaz, de Tui (cun espazo cultural onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio chamado O Almacén), Gema María Fernández, de Tui (cun proxecto que combina a paixón pola artesanía e os detalles para eventos, Essentia HM) e Sara Fontán César (dona da inmobiliaria DeLuxo Inversiones Inmobiliarias).
Os coworking da EOI forman parte do programa Espacio Coworking, polo que teñen pasado máis de 7.000 persoas emprendedoras dende 2016 e desenvolve o Programa Operativo da Fundación EOI para o fomento do emprego xuvenil de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Emprego Xuvenil CCI 2014ES05M09OP001, no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego destinadas a España.
A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira Escola de Negocios fundada en España. Nos seus 65 anos de historia teñen pasado polas súas aulas máis de 142.000 directivos/as e xestores/as especializados en liderado, internacionalización e sustentabilidade.