Condenan en Italia a varios executivos de Google pola hospedaxe dun vídeo polémico
mércores, 24 de febreiro do 2010
A finais de 2006 un grupo de 3 mozos italianos agrediron
a outro con síndrome de Down e subiron a proba en vídeo a Google Video, servizo
on de o clip estaría publicado uns dous meses ata que reclamaron o seu borrado.
Tras este incidente, a asociación Vividown (de persoas co mencionado síndrome) presentou
unha denuncia que en 2008 traduciuse en cargos contra 4 executivos de Google,
despois de que dende a compañía axudasen ás autoridades locais na
identificación da persoa responsable de subir o polémico vídeo á Internet (a
quen condenaron a 10 meses de servizos comunitarios).
Contra os executivos presentáronse cargos por violación da intimidade e
difamación, quedando estes últimos desestimados (o que librou de cargos a un
dos directivos). Así, finalmente 2 directivos de Google Italia e outro
responsable das estratexias de privacidade de Google para Europa foron condenados a 6 meses de cadea por
violación da intimidade por un tribunal de Milán, o que dende Google denuncian que é unha «seria ameaza á Web en Italia»
e que incluso vai contra a Directiva 2000/31/CE sobre
comercio electrónico, que limita a responsabilidade dos prestadores
de servizo por actividades intermedias como a hospedaxe de vídeo.
A sentenza foi recorrida, e é de agardar que os directivos de Google poidan
saír airosos desta situación que claramente limita a liberdade na Internet, e
faría imposible a web tal e como a coñecemos se os prestadores de servizo
tivesen que verificar toda a información que publiquen os usuarios.