Conecta Ourense pon a nova transformación tecnolóxica ao alcance da man das empresas da provincia
xoves, 21 de setembro do 2023
Máis
de cincuenta pemes e persoas autónomas participaron este xoves 21 de
setembro nun obradoiro online organizado pola Confederación
de Empresarios de Ourense (CEO) en colaboración coa Axencia Galega
de Innovación (GAIN), que puxo sobre a mesa como aplicar as
tecnoloxías transformadoras para crear solucións innovadoras e
sustentábeis nas empresas. A relatora, Consuelo Verdú, trasladou as
ferramentas prácticas para abordar a transformación utilizando
estas aplicacións (Internet das Cousas, Realidade Virtual ou
Intelixencia Artificial). A xornada desenvolveuse ao abeiro de
Conecta Ourense (CEO).
A
iniciativa Conecta Ourense da CEO, apoiada pola Xunta a través do
IGAPE e GAIN, programou esta xornada innovadora dirixida a coñecer
estas tecnoloxías transformadoras para innovar nas empresas desde xa
mesmo e nos próximos anos. A sesión, que contou coa participación
de máis de 60 representantes de pemes de sectores e actividades tan
diversas como consultaría, estudos de arquitectura, construción,
agroalimentario e vitivinícola, industria do metal, servizos legais,
tecnoloxía, xestión ambiental e forestal, enxeñería e un longo
etcétera, ademais de organizacións e centros tecnolóxicos.
A
sesión deste xoves foi conducida por Consuelo Verdú e serviu para
que as persoas conectadas, descubriran como identificar o punto de
partida da súa empresa, actividade ou negocio “nesta emocionante
viaxe cara á transformación dixital”, sinalou Verdú, experta no
deseño e dinamización de estratexias innovadoras, quen abordou oito
pasos necesarios para non quedar atrás e “coller o tren da
innovación”.
O
obxectivo do obradoiro era “o de proporcionar aos asistentes unha
comprensión profunda e aplicada de como as tecnoloxías
transformadoras son un motor de innovación para os modelos
operativos das pemes, cun enfoque especial na Internet das Cousas
(IoT), Realidade Aumentada (RA), Sensores, Robótica e Intelixencia
Artificial (IA).
Deste
xeito, Consuelo Verdú detívose na explicación dos obxectos
conectados e a súa aplicación en industrias como a saúde,
transporte e fogares intelixentes; tamén abordou as experiencias
inmersivas de Realidade Aumentada en mercadotecnia ou educación; ou
como os sensores permiten vixilancia en tempo real, aplicacións en
agricultura, saúde e cidades intelixentes. Tamén foron obxecto de
análise a robótica aplicada á automatización en manufactura,
loxística e atención ao cliente; ou como a Intelixencia Artificial
está a facilitar a análise preditiva, recomendacións
personalizadas, e a aprendizaxe automática aplicada á
produtividade, á mercadotecnia ou á estratexia das empresas
participantes.
A
relatora recorreu a exemplos prácticos de como estas tecnoloxías
están sendo integradas en modelos de negocio disruptivos que
desmitificaron a complexidade, analizou casos concretos que revelan
as súas aplicacións reais, así como diálogos interactivos que
fomentan o pensamento crítico, para que os participantes descubrisen
as tecnoloxías que poden transformar de xeito rompedor os seus
negocios e como se poden integrar de forma rápida nos procesos para
crear solucións innovadoras e sustentábeis.
Este
obradoiro de innovación da CEO e GAIN é parte dun completo abano de
actividades que se veñen desenvolvendo desde hai máis dun ano e que
continuarán para detectar o potencial innovador das pemes da
provincia, e fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e
produtos. Conecta Ourense nace “da necesidade de localizar e
desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a
innovación, dixitalización ou internacionalización, co fin de
dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas para desenvolver
ese potencial e transformalo en competitividade, logrando así un
tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as
transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e
determinantes”.