Confusión ante a oferta de rexistro de dominios .gl por parte dunha empresa galega

xoves, 18 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Pese a que os dominios .gl poden rexistrase dende hai bastantes anos, Dinahosting facilita agora o seu rexistro dende Galicia

A empresa galega de hospedaxe de páxinas web e rexistro de dominios de Internet, Dinahosting, sorprendeu nesta xornada anunciando aos seus clientes que ofrece a posibilidade de rexistrar dominios baixo o sufixo estatal de Grenlandia (.gl) aludindo ao feito de que «soa a dominio GaLego», o que está a crear certa confusión, pois por unha banda abre novas posibilidades, pero ocasiona máis problemas que vantaxes, posto que os dominios .gl dependen dun país estranxeiro, de xeito que as marcas españolas/galegas terían problemas para a súa protección, á vez que existe certa inseguridade no uso destes dominios, posto que non existen garantías de futuro sobre o mesmo (Grenlandia podería limitar o rexistro aos seus cidadáns en calquera momento, e dende Galicia non habería xeito de influír en tal decisión).
Cómpre lembrar que na actualidade existe a Asociación PuntoGal, que persegue a consecución dun dominio oficial para a lingua e cultura galegas, para o que levan varios anos traballando e que conta co apoio de milleiros de cidadáns e institucións galegas, agardando que nun futuro sexa posible rexistrar dominios co sufixo .gal, que si será galego, mentres que o .gl será sempre groenlandés (ao visitar páxinas web cuxo nome de dominio remate en .gl será difícil entender que estamos ante unha páxina galega).
Dende Dinahosting deixan claro en todo momento que os dominios .gl corresponden a Grenlandia, polo que non deberían levar a ninguén a engano, pero facilitar o rexistro destes dominios podería traer consigo unha problemática adicional: a especulación. Dado que o número de dominios .gl é reducidísimo (Grenlandia ten unha poboación reducida e nin sequera é independente administrativamente) a posibilidade de atopar libres nomes de dominio relativos a marcas, nomes e localidades galegas é moi elevada, o que xa está a levar ao rexistro de dominios correspondentes ás cidades galegas (neste caso, directamente pola propia Dinahosting), nomes de cabeceiras xornalísticas e incluso nomes de persoeiros locais; ou sexa, que de acadar certa aceptación este sufixo entre usuarios galego aparecerán conflitos nada desexables e de complexa solución.
Non esquezamos que o mal uso de dominio estatais (ccTLD) é unha práctica moi habitual en sufixos coma .tv ou .fm, que perverte a finalidade do sistema de nomes de dominio, e que a longo prazo ten consecuencia perversas (por exemplo, algunhas compañías advirten de que o dominio .tv desaparecerá a longo prazo porque o seu estado deixará de existir por corresponder a unha illa que está afundíndose). O caso groenlandés non é unha excepción, e ao falar dun país bastante peculiar (ten pouco máis de 80.000 habitantes e pertence ao Reino de Dinamarca), tomar por galego o seu dominio de primeiro nivel non é recomendable, especialmente para crear unha marca na Internet, que non ten garantido un futuro e levará a confusión.

PUBLICIDADE