Convocada a sétima edición do premio ao mellor proxecto universitario open source

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

Temos unha nova edición do recoñecemento aos nosos novos desenvolvedores de iniciativas informáticas abertas. Así nolo conta hoxe a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que vén de convocar un ano máis (a presente é a sétima edición) o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre. O galardón, informa a axencia, está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros e a posibilidade de outorgar un segundo premio de 750 euros (en caso de que o xurado o considere axeitado tendo en conta a calidade dos proxectos presentados).
Os patrocinadores desta edición son o CIXUG (Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria), cunha achega de 1.500 euros e a asociación universitaria GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) cunha achega de 750 euros. O obxectivo do premio, indica AMTEGA, é “o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información, xa que a programación aberta constitúe un eido de traballo en crecemento”.
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2013-2014. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son “ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative”.
Segundo explica a organización, o premio está aberto tamén a aqueles proxectos que fagan uso de hardware libre, en boa medida debido á presenza cada vez máis grande deste tipo de recursos abertos dentro do equipamento informático en xeral, a robótica e a intelixencia artificial.
Toda a información sobre como participar está dispoñible e na páxina do premio dentro do portal Mancomún. Así mesmo pode contactarse coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Lembrar que na edición do ano 2014 resultou como gañador Vreixo González Caneda polo proxecto Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre. Así mesmo, concedeuse o segundo premio a Iago Veloso Abalo polo proxecto Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre.