Crean un mapa dixital dos topónimos que aparecen nas cantigas profanas galego-portuguesas

mércores, 26 de xuño do 2024 S. P.

O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago creou un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais. Este recurso elaborouse no marco do proxecto Lírica Galego-Portuguesa, desenvolvido no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral da Lingua.
A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, e no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez. Esta ferramenta, denominada Canticar, presentouse este 26 de xuño no Centro Ramón Piñeiro, coa asistencia do secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Segundo explicaron as investigadoras, “situar no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos, ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foi experimentando o espazo ao longo do tempo, e tamén observar como determinadas vilas pasaron de ter unha gran relevancia a ir perdendo protagonismo desde a Idade Media ata os nosos días”.
Engadiron que este recurso dixital achéganos as dimensións sociopolíticas nas que foron elaboradas as cantigas. “Non só se marcan os topónimos, senón que se reconstrúen as fronteiras dos diversos reinos que existían na Península Ibérica; de feito, no mapa pode verse a evolución deses límites ao longo de todo o período trobadoresco”, subliñou a catedrática Pilar Lorenzo.
As investigadoras explicaron tamén que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres teñen sempre un valor distintivo, xa que son empregados nos textos tanto en función do tema abordado como do xénero escollido. Así, o peso que ofrecen os nomes de lugar varía se se trata dunha cantiga de amor, de amigo ou de escarnio. “Por exemplo, as cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo, nas que o espazo real ocupa un segundo plano”, sinalaron. En consecuencia, este mapa interactivo permite localizar a autores e personaxes nun marco concreto, que, en moitas ocasións, está ligado a grupos sociais ou a determinados acontecementos históricos.
Ademais de situar cada topónimo mo mapa, recóllense os textos nos que se mencionan, e os usuarios poden consultar tamén os datos biográficos dos trobadores e xograres. “Toda esta información servirá de apoio ao desenvolvemento de novas investigacións sobre a nosa tradición lírica”, apuntou a coordinadora, destacando que “a web é moi intuitiva, polo que representa un recurso docente moi valioso para diferentes niveis educativos, ao permitir que o alumnado vexa de maneira gráfica os lugares citados nos textos”.
Un percorrido pola paisaxe e pola historia
Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago puxeron de relevo que “a maioría dos lugares que se recollen nas cantigas aínda existen na actualidade, pero cunha importancia social moi diferente á que tiveron na Idade Media”. É o caso da localidade sevillana de Morón de la Frontera, a vila de Castrojeriz (situada en Burgos, no Camiño de Santiago), o mosteiro de Nogueira na localidade pontevedresa de Meis, Santa María de Reza na freguesía de Ourense, as terras de Lemos (Lugo), Deza (A Coruña), Toroño (Pontevedra) ou Crecente en Compostela…, entre outros moitos lugares que foron perdendo importancia co paso do tempo. Pola contra, outros que eran (e seguen a ser) moi relevantes como Santiago de Compostela aparecen en contadas ocasións nos textos.
“A través deste mapa dixital, os usuarios non só poderán ver o papel clave que determinados espazos desenvolven nas cantigas, senón tamén observarán o peso e a función expresiva que a toponimia tivo na nosa tradición lírica. Así pois, a ferramenta é unha oportunidade para percorrer virtualmente as espazos da ficción trobadoresca, tanto a paisaxe galega como a dunha gran parte dos reinos da Península Ibérica e a doutras localidades estranxeiras, desde finais do século XII ata mediados do século XIV”, apuntou a catedrática Pilar Lorenzo.
Chamamento a afondar na toponimia das cantigas
Na presentación de Canticar, Valentín García fixo un chamamento a afondar na toponimia das cantigas con esta nova iniciativa. Salientou que se trata dun proxecto “pioneiro” a través dunha páxina web “moi intuitiva”, do que puxo en valor que permite non só completar o coñecemento sobre a propia toponimia medieval, “senón que serve para comprender as súas dimensións sociopolíticas”. Destacou, neste senso, o feito de que, entre outras prestacións, esta ferramenta ofrece a reconstrución de fronteiras dos reinos peninsulares ao longo do movemento trobadoresco.
Precisamente, enxalzou o valor deste recurso porque, ademais de servir de apoio á investigación sobre a lírica galego-portuguesa, “supón un recurso que facilita o labor docente tanto na universidade como nas etapas máis avanzadas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato”. Deste xeito, toda persoa que consulte esta web poderá verificar o papel clave que determinados espazos desenvolveron na cantigas e, ao mesmo tempo, observar o peso e a función expresiva que os lugares reais tiveron no proceso de creación lírica. “Esta ferramenta é unha oportunidade para percorrer mentalmente non só a paisaxe galega e dos reinos da Península Ibérica, senón doutras localidade estranxeiras”, valorou o secretario xeral da Lingua.
Actualización constante para ser un recurso máis preciso
Para a elaboración deste proxecto procedeuse ao mapeado dos topónimos presentes nas cantigas e nas rúbricas explicativas. Ademais, tanto para a forma dos nomes de lugar como para os datos relativas ás cantigas e aos seus autores fíxose uso da base de datos de Lírica Profana Galega-Portuguesa (MedDB) do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades.
Cartografía que se irá actualizando
Como todo recurso científico, este mapa irase actualizando a medida que a comunidade investigadora realice traballos que supoñan un avance no coñecemento e que favorecerán o enriquecemento da ferramenta e súa maior precisión na marcaxe de lugares escorregadizos.
A dirección e coordinación científica de Canticar estivo realizada por Pilar Lorenzo Grandín, directora técnica da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades. Mentres, a coordinación técnica recaeu en Mariña Bermúdez Beloso, coordinadora de diversos proxectos de investigación neste mesmo centro.

PUBLICIDADE