Cultura impulsa no Gaiás o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia
venres, 30 de xuño do 2023
A
Consellería
de Cultura e Educación licitou o contrato para que Galicia conte co
que sería o seu primeiro Centro de Artes Dixitais, que, en
palabras deste departamento da Xunta, “será tamén un equipamento
de referencia en España para este tipo de tecnoloxías”. A
previsión é que os traballos comecen este outono co fin de que
poida estar en marcha a finais do 2025. Estes e outros detalles sobre
o proxecto foron achegados polo director xeral de Cultura do Goberno,
Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da
Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez. Coincidiron en asegurar que
este novo equipamento marcará “un salto extraordinario na
modernización do sector cultural galego”.
O
centro situarase nun espazo soterrado en desuso da Cidade da Cultura,
unha superficie de 4.400 metros cadrados correspondentes ao que no
seu día ían ser os aparcadoiros do Teatro da Música, un dos
edificios non construídos do proxecto orixinal do Gaiás. “A
apertura deste centro non supón, polo tanto, a construción dun novo
edificio, senón a adaptación de sotos que xa existen e que non
teñen uso”, subliñou o representante da Consellería de Cultura,
Educación, FP e Universidades.
Nesta
mesma idea abundou a directora da Cidade da Cultura, que fixo fincapé
no aforro que supón situalo no Gaiás xa que, ademais de non ter que
adquirirse un solar cos parámetros que se precisan para un centro
destas características, aproveitaranse as redes tecnolóxicas, de
enerxía e seguridade existentes no Gaiás, así como as sinerxías e
conexións con outros servizos localizados na Cidade da Cultura, como
a AMTEGA, o Polo GaiásTech ou o Instituto de Ciencias do Patrimonio
(Incipit) dependente do CSIC.
A
oportunidade que ofrece a existencia deste emprazamento permitirá,
polo tanto, que o orzamento de licitación sexa de 4,5 millóns
(distribuídos en varias anualidades), importe que se rebaixará
durante o proceso de competición pola adxudicación do contrato.
O
futuro centro contará con tecnoloxía de última xeración para
vivir experiencias inmersivas e de Realidade Virtual e Aumentada, así
como zonas de videomapping para intervencións artísticas de
gran formato, áreas de experimentación con laboratorios creativos e
espazos para a formación da comunidade escolar e artística.
Lorenzo
e Vázquez explicaron que o centro porase en marcha “coa vocación
de converterse nun espazo de exhibición de referencia en España
para acoller proxectos artísticos ambiciosos desenvolvidos a partir
das artes dixitais”. Ao mesmo tempo, desenvolverá unha actividade
como banco de experimentación onde as xeracións de creadores e
creadoras galegas atopen recursos innovadores para levar a cabo a súa
acción creativa.